Aparatoso rescate dun condutor que caeu por un barranco en Samos
O seu vehículo saíu da vía e precipitouse por un terraplén duns 30 metros de altitude
Saíu da vía, atravesou o valado de protección e precipitouse por un terraplén duns 30 metros de altitude. Así foi o accidente que sufriu o condutor dun coche cando circulaba pola estrada que une Sarria e Pedrafita, á altura do lugar da Pontenova, na parroquia samonense de Pascais. O chofer do vehículo que ía detrás foi quen alertou do acontecido.
"Soubemos por un grupo de mozos que houbera un accidente na Pontenova, a case medio quilómetro de aquí, xunto a unha área de descanso. Viña outro vehículo detrás, que foi quen o viu e deu a voz de alarma, que se non aí non se vía nada. Estaba o coche moi entalado abaixo de todo", sinala o hostaleiro Amadeo Rodríguez, do restaurante Pontenova.
Unha vez recibida a alerta, o 112 mobilizou os servizos de emerxencia para rescatar o condutor accidentado. Ademais de efectivos da Garda Civil de Tráfico, ata o lugar desprazáronse os bombeiros do parque comarcal de Sarria, que tiveron que excarcerar a vítima e trasladala a pé nunha padiola ao longo de 200 metros. Levárona ata un todoterreo tipo 'pick-up' que trasladou o home onda unha ambulancia do 061 que agardaba ao pé da estrada.
"Veu xa Tráfico e viñeron os bombeiros. Xa deberon de vir todos ao avisar ao 112. Foi contra as catro da tarde, cando todo se mobilizou aí. Chegaron polo terreo do veciño, porque non daban accedido a onde estaba. Entraron aquí para dentro e foron por unha ponte que hai máis abaixo", engade Amadeo.
Tras este aparatoso rescate, o condutor foi evacuado ao HULA con feridas de carácter leve.