Publicador de contidos

Publicador de contidos

Igualdade quere desvincular a cuestión da prostitución da lei do "só si é si"

Igualdade quere desvincular a cuestión da prostitución da lei do "só si é si"

A secretaria de Estado de Igualdade propón que as cuestións relacionadas coa prostitución sexan levadas a unha lexislación sobre trata para non bloquear a tramitación da Lei de liberdade sexual

Ánxela Rodríguez destaca a importancia desta norma que vai colocar o consentimento no centro da cuestión no relativo á liberade sexual

G24.gal 18/05/2022 11:39

"Non é un debate sobre a prostitución, senón se debe ser perseguido penalmente o proxenetismo", asegura Ánxela Rodríguez, secretaria de Estado de Igualdade e contra violencia de Xénero á conta da inclusión deste asunto na Lei de liberdade sexual, coñecida como a de "Só si é si".

A Comisión de Igualdade do Congreso debate este mércores o contido desa Lei. O PSOE aposta pola abolición da prostitución, e así o está a negociar con outros grupos, incluído o PP. Unidas Podemos teme que este asunto atrase a tramitación da norma ou incluso corra perigo a súa aprobación, polo que queren sacar o asunto do novo texto legal para incluílo noutro.

"Estamos preocupadas por esta tramitación. O que dixemos e quero ser moi clara é que todas as partes teñen que ceder para que poidamos chegar a un acordo", asegurou Ánxela Rodríguez nunha entrevista no Bos Días da Televisión de Galicia.

"O que nós estamos promovendo desde o Ministerio de Igualdade é que haxa un acordo, e que sigamos traballando naquelas cuestións nas que hai consenso. Neste caso, que os delitos e os artigos que teñen que ver co proxenetismo sexan levados a unha lei de tráfico de persoas en que poidamos seguir traballando e que se permita que esta lei de liberdade sexual sexa aprobada coa maioría precisa para que saia adiante", di a secretaria de Estado, que insiste: "Non podemos permitir que para marcar posicións ideolóxicas, ou de partidos, corran un risco tan grande as mulleres do noso país".

"Non é un debate sobre a prostitución, senón se debe ser perseguido penalmente o proxenetismo. Creo que é importante ter presente que hai grupos parlamentarios que propoñen ademais de perseguir os proxenetas, tamén perseguir as mulleres que están en contextos de prostitución, e hai grupos que pensan que hai que protexer estas mulleres e aínda así perseguir penalmente os proxenetas", afirma Ánxela Rodríguez.

"Creo que aí é onde estamos todas de acordo, e é o consenso que debemos protexer e levalo a unha lei de tráfico de persoas que este Ministerio xa ten redactada e pon á disposición de todos os grupos", conclúe.

"A lei que di que o consentimento sexual ten que estar no centro"

Para a secretaria de Estado, e para o Ministerio de Igualdade, esta lei é fundamental. "A lei do só si é si vai poñer España á vangarda de todos os dereitos das mulleres. Creo que non existe unha lei similar no resto de Europa".

"É unha lei que di que o consentimento sexual ten que estar no centro, non só do Código penal, senón tamén das políticas públicas que poñamos en marcha, tamén nos centros escolares ten que haber educación sexual obrigatoria. E sobre todo, vai protexer a todas as mulleres que sofren violencia sexual que hoxe en día non teñen recoñecido que eses acosos e formas de violencias que padecen son iso, violencia machista", di Ánxela Rodríguez. 

"É unha lei que avanza en feminismo", insiste recordando os berros que percorreron España tras a sentenza da manada.

A secretaria de Estado de Igualdade, Ánxela Rodríguez, nun momento da entrevista no 'Bos días' A secretaria de Estado de Igualdade, Ánxela Rodríguez, nun momento da entrevista no 'Bos días'

É fundamental é que o aborto "sexa recoñecido como un dereito e que se faga na sanidade pública"

En canto á nova Lei do aborto e á eliminación do consentimento paterno para as adolescentes maiores de 16 anos, a secretaria de Estado di que "é unha noticia moi boa que as mulleres deixen de ser infantilizadas".

Para ela o fundamental é que o aborto "sexa recoñecido como un dereito e que se faga na sanidade pública". E explica, por exemplo, que "en Galicia a maioría dos abortos fanse en clínicas privadas". 

Respecto á obxección de conciencia dos sanitarios cre que "é un dereito constitucional pero ten que ser compatible co dereito que temos as mulleres a poder abortar".

"Estamos regulándoo como se fixo coa lei da eutanasia", explica. "E vai haber un rexistro no que os médicos digan se non queren facer estas intervencións, pero tampouco na privada. Porque nos estamos encontrando con casos nos que se nega a facelos na pública, non teñen problema en facelos na privada".

"Non se pode traballar con dor"

En canto ás baixas por menstruacións dolorosas explica que "o que estamos propondo é unha cousa de sentido común. Hai mulleres que teñen dores tan fortes que son incapacitantes para seguir no posto de traballo"

"É un médico o que o ten que dicir. Pero non se pode traballar con dor", di Ánxela Rodríguez. "O fundamental é que estas baixas sexan custeadas desde o minuto cero pola Seguridade Social, para que non sexan para as empresas un problemas e para que tampouco sexa necesario unha mínima cotización para poder ter este dereito".

E respecto á rebaixa do IVE para os produtos de hixiene feminina di que non renuncian a poder logralo na tramitación parlamentaria da lei. "Ten un custo tan pequeno e pode mellorar tanto a vida das mulleres que temos que intentar logralo", asegura.

"A parte maioritaria do Goberno non considerou necesario facelo neste momento. Pero ten que entenderse que ten un custo moi baixo, uns 30 millóns de euros, que se pode afrontar en calquera momento, e non descartamos ser quen de convencer á ministra de Facenda", di Ánxela Rodríguez.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade