Animan os viticultores a usar feromonas sintéticas contra a couza de acio
Un método sostible e económico que levan empregando as adegas do Salnés desde o 2019
Pretenden fomentar o seu uso en toda a D. O. Rías Baixas
Coa primavera comeza o ciclo vexetativo da vide e, polo tanto, tamén o traballo e a preocupación dos viticultores polas pragas. Unha das máis temidas é a da couza de acio. Aínda que hai métodos eficaces para combatela, na Denominacion de Orixe Rías Baixas levan 7 anos empregando unha práctica máis sostible e económica: o uso de feromonas sintéticas para combatela.
Máis sostible, económico e sinxelo. Un método polo que están apostando as tres cooperativas do Salnés: Condes de Albarei, Martín Códax e Paco y Lola, para combater a couza de acio empregando feromonas sintéticas.
"Temos que colocar unha serie de difusores en toda a parcela para evitar que os machos sigan ese rastro, senón que todo lle cheire a esta feromona, entón desoriéntanse e non son capaces de atopar a femia para reporducirse e ao non reproducirse xa non imos ter esas postas", explica Alberto Barral, responsable de viticultura de Condes de Albarei.
Pretenden xogar un chisco ao descoido cubrindo así os tres ciclos de reprodución da couza de acio, polo que poden atallar o problema desde o inicio do ciclo vexetativo da vide. Evitando, din, case o 100 % dos danos, polo tanto máis efectivo que o uso de insecticidas. Engade neste senso o director técnico de Adega Paco y Lola, Diego García Santiago, "que non sexan quen de fecundar eses ovos ou esas postas que realizan as femias, por iso se chama o método de confusión sexual. Isto non vai esixir tanto ao viticultor de estar tan pendente da presenza da praga. Pero xa non vai ter que facer ningún tipo de intervención."
Unha iniciativa que botou a andar xa no 2019 e que a súa eficacia depende da superficie que abranga; canta máis sexa, maior será a súa efectividade. "Co ánimo de fomentar, máis alá do coto das 4 hectáreas, e intentar que toda a comarca xestione a couza sen o uso de insecticidas", indica Miguel Tubío, director técnico de Adega Martín Códax.
Un sistema que pretenden estender en toda a Denominación de Orixe das Rías Baixas, pondo a disposición do resto de viticultores o asesoramento técnico das tres cooperativas.
