Publicador de contidos

Publicador de contidos

Gonzalo García: "Para 2023 esperamos que a economía creza por riba do 2 %"

Gonzalo García: "Para 2023 esperamos que a economía creza por riba do 2 %"

O Secretario de Estado de Economía cre que a EPA do cuarto trimestre reflectirá un descenso do paro de 250.000 traballadores

Di que a suba do SMI vai ser un avance sen precedentes nas condicións salariais dos traballadores que gañan menos renda

G24.gal 25/01/2023 08:15 Última actualización 25/01/2023 18:40

A vicepresidenta económica considera necesario establecer un imposto temporal para a banca, xa que o sector ten marxe de beneficios suficiente para que non repercuta nos clientes. Para explicar esta e outras cuestións estivo no informativo Bos días da Televisión de Galicia o Secretario de Estado de Economía Gonzalo García Andrés.

Sobre como se vai aplicar ese imposto manifestou: "Aplicarase para os exercicios 2022 e 2023 sobre a marxe, e é unha contribución dun sector que non sufriu coma outros sectores os impactos da suba dos custos e da inflación".

Fixos discontinuos

En canto á polémica sobre os fixos discontinuos, unha modalidade de contrato que medrou moito nos últimos meses, o Goberno comprometeuse a presentar as cifras reais, pero ata o de agora non computan como parados nos datos globais de desemprego. Gonzalo afirmou: "Os datos xa se ofrecen nas cifras de paro rexistrado como os demandantes de emprego non ocupados e non cambiou nada o cómputo dos traballadores".

Destacou que o importante é que "coa aplicación da reforma laboral temos 2.300.000 persoas afiliadas á seguridade social máis con contrato indefinido e hai unha parte destas que teñen contratos fixos discontinuos, que antes tiñan un contrato temporal e agora teñen unha relación estable".

García Andrés afirmou que este é un dos resultados positivos da reforma laboral e que o Ministerio de Traballo dará máis datos sobre os efectos.

EPA

A EPA do último trimestre do ano pasado está a piques de se publicar e o Goberno ten xa os datos parciais de afiliación do paro rexistrado dos tres meses do cuarto trimestre. 

"En principio, o que indican estes datos é que a economía seguiu medrando e creando emprego. Temos aínda camiño por percorrer, pero o que esperamos é que siga amosando esa tendencia de mellora moi substancial. Pensamos que o ano rematará con 500.000 empregos creados máis e cunha redución do paro de 250.000 traballadores", manifestou o Secretario de Economía do Estado.

Economía española

A maioría dos españois están preocupados pola economía de cara a este ano que comeza. En canto as previsións do Ministerio, Gonzalo García manifestou que o 2022 foi un ano "complexo" no exterior e que a economía española "vai pechar cuns datos realmente excelentes".

"Imos crecer por riba do 5 %, creando emprego, e coa inflación máis baixa da Unión Europea. Isto dános unha posición de partida sólida para afrontar este 2023, para o cal esperamos que a economía creza lixeiramente por riba do 2 %, siga creando emprego, reducindo a taxa de paro e avance por esa vía de mellora estrutural para reforzar as bases para o crecemento e a creación de emprego", subliñou García Andrés.

Os datos revelan que aínda non se recuperou o PIB que tiñamos antes da pandemia. Sobre ese crecemento, García Andrés destacou: "As previsións din que se recuperará ao longo do primeiro semestre e que imos crecer máis, non só que o resto dos países da zona euro, senón en xeral que os países máis avanzados". 

Inflación

En canto á inflación, á poboación preocúpalle a suba dos produtos básicos, e España é o segundo país europeo en que máis medrou o gasto das familias en produtos e servizos básicos como a luz, o gas ou a alimentación. Gonzalo García quixo mandar unha mensaxe de tranquilidade porque "as medidas que tomou o goberno conseguiron reducir o prezo da electricidade de maneira significativa e contribuír de maneira negativa ao crecemento do IPC".

"Estamos tomando medidas eficaces contra ese nivel que acadaron os prezos dos alimentos e por iso aprobamos a redución do IVE e facemos un seguimento para que os distribuidores trasladen esa baixada aos consumidores", dixo Gonzalo García.

Suba do salario mínimo

Sobre o anuncio que fixo Pedro Sánchez da suba do salario mínimo, o Secretario de Estado de Economía manifestou: "Este ano vai ser un fito que vai marcar chegar ao 60 % do salario medio e vai ser un avance sen precedentes das condicións salariais dos traballadores que gañan menos renda". 

"O salario mínimo vai crecer de maneira acumulada case o 40 % e o importante é o avance económico e social para este colectivo de traballadores", sentenciou García Andrés.

Polémicas palabras de Ione Belarra sobre Juan Roig

En canto ás polémicas palabras de Ione Belarra, que dixo que Juan Roig, propietario de Mercadona, era un "capitalista desapiadado", afirmou que "o importante é que funcione a competencia". 

"Este comportamento económico tan sólido, nun ámbito tan complicado, non sería posible sen un tecido empresarial diversificado, competitivo e que traballa todos os días para ofrecer uns prezos mellores en bens e servizos aos cidadáns", destacou o Secretario de Estado de Economía.

Xa para rematar, afirmou: "Neste ámbito de inflación están a supervisar que os mercados funcionen adecuadamente e a axudar as empresas a transformárense".

Na súa opinión, cre que o tecido empresarial está a impulsar a recuperación e que o que hai que facer é "traballar conxuntamente dende o sector público e o privado para mellorar a vida dos cidadáns". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar