Publicador de contidos
Publicador de contidos

A nai de Desirée nega que matase a nena e o pai afirma que era consciente

Ana Sandamil, nai de Desirée Leal, na sala da vistas na Audiencia de Lugo
G24.gal 07/02/2022 14:56

Ana Sandamil, nai de Desirée Leal, a nena de sete anos asasinada o 3 de maio de 2019, contou este luns na Audiencia Provincial de Lugo, no primeiro día do xuízo polo crime da pequena do que é a única acusada, que non ten presente nada do sucedido: "Eu non lembro facerlle dano á miña nena".

Dixo varias veces que non recordaba que lle dese nada para tomar: "Eu non intoxiquei a miña filla; é o que máis quería no mundo". E, sobre o bote con pílulas que supostamente tomou a nena, dixo que eran para "suicidarse ela".

A muller, que está en prisión provisional comunicada e sen fianza e se enfronta a unha condena de prisión permanente revisable, dixo, a preguntas do Ministerio Fiscal e en varias ocasións, que non lembra facerlle "nada" á súa filla e que o día de autos o que pensou foi que a pequena caera da cama en que ambas durmían xuntas e tentou facela volver en si ao ver que non reaccionaba.

"Collina, púxena na cama e tentei reanimala, apertándolle o peito, a barriga, soprándolle na boca... e non respondía", dixo a nai da pequena.

Non soubo responder a procesada ao motivo polo que había salpicaduras dun fármaco antidepresivo (Trazodona) no cabezal da cama, na parede do cuarto e nunha mesa, e dixo que ela inxeriu esas pastillas en canto viu que a menor non reaccionaba despois de ir avisar a súa nai, María, avoa da nena.

Despois, dixo Ana Sandamil nun momento chorando, que ela si inxeriu esa medicación, que non lembra quen lla receitou, para acabar coa súa vida.

"A miña vida non tiña sentido", "o que sempre quixen era unha nena", "eu nunca intoxicaría a miña filla, é o que máis quería no mundo", "a miña nai fíxome vomitar", "eu conto a verdade, é do que me lembro", foron algunhas das expresións que empregou durante o interrogatorio.

A acusada afirmou que non estaba obsesionada co pai de Desirée José Manuel Leal "nin de broma" e que non actuou movida polo móbil de facerlle dano. 

Ao letrado da acusación particular, que exerce o pai da nena, Sandamil aseguroulle que xamais viu manchas de sangue no chan nin feridas na boca de Desirée: "Estaba tan nerviosa e tan angustiada que non lle vin nada".

"Crieina eu, estaba sempre comigo, non tiñamos discusións nin nada, eu non tiña ningún tipo de problema coa miña filla", insistía o pai afirmando que tiña unha boa relación coa pequena.

Ás preguntas da acusación popular, que exerce a Fundación Amigos de Galicia, afirmou Ana Sandamil que descoñece se a nena puido inxerir o fármaco que ela tomou xa a noite anterior, unha dose recomendada, nun vaso.

Ao seu avogado defensor, que lle preguntou pola súa relación co pai de Desirée, explicoulle : "Portábase fatal, ata o punto de que me chamaba ata puta diante da pequena; acusábame —dicía— de que sempre todo era culpa miña, [ela] con el non quería estar".

Relatou á parte un episodio en que, segundo a súa versión, a nena mordeu o pai para que deixase en paz a nai.

Cando rematou a relación entre os pais de Desirée, Ana Sandamil dixo que necesitou tratamento psiquiátrico e regresou ao domicilio da súa nai para, tempo despois, iniciar unha nova relación con José Luis, que acudía á casa con frecuencia.

Segundo o seu relato, Ana Sandamil empezou a vivir episodios estraños: tivo que deixar un curso de placas fotovoltaicas ao que se apuntou estando en paro porque cría que lle botaban "droga no café" algúns dos asistentes, que eran adictos; sentía "ruídos de noite, e tamén voces", que lle impedían durmir; chegou a pensar que tirara o muro dunha veciña e así llo contou á súa proxenitora, que lle explicou quen fora.

Pediu, ademais, que non bebesen auga da fonte, coma sempre, e que a comprasen nun supermercado, porque a do chafariz levaba "droga", e cambiou os contrasinais de todos os teléfonos da casa, tanto o seu como da súa nai, porque se sentía "espiada".

Coa súa filla fixo unha viaxe a Cabárceno non moito antes do fatídico desenlace para escapar desa "situación".

Non podía seguir así, con ese cambio "radical de personalidade", que fixo que quitase a Desirée de piscina por se lle pasaba algo, que non a deixase ir a unha excursión porque estaba obsesionada con que o autobús ía sufrir un accidente e que non lle permitise acudir á Festa da Filloa, onde a ela lle encantaba ir polo seu amor á "pandeireta", que odiaba o pai, por idéntica preocupación.

Nai e filla, testificou Sandamil, deitábanse xuntas entre as nove e as dez da noite e espertaban ás sete. Cando Desirée morreu, segundo lle explicou ao seu avogado, ela decatouse tarde, porque nunca acendían a luz.

Así, "ás escuras", Ana saíu da cama compartida, foi á cociña, preparou café, comeu unha mazá e despois acudiu á galería a fumar. Calcula que todo iso lle levaría "un cuarto de hora". Ao dar o interruptor, foi cando viu a súa filla.

Non foi consciente do sucedido daquela nin tampouco na ala de psiquiatría do Hospital Lucus Augusti, polo menos ata que a doutora lle insistiu co asunto de que non ía volver vela. Con todo, volveu dubidar cando non se lle permitiu acudir ao enterro. "Eu dicía: se morrese, deixaríanme ir".

Declaracións do pai da nena

José Manuel Leal, o pai de Desirée, comezaba as declaracións solicitando que se colocase un biombo na sala para non manter ningún tipo de contacto coa nai da nena. Asegurou que o embarazo non fora buscado, pero si desexado pola súa parte, aínda que non por parte da nai.

Asegurou que a relación entre ambos rematou a raíz de teren a nena, xa que a nai se comportaba coma se fose un obxecto dela. Despois da súa separación, o pai di que a nena dicía que tería que pasar "catro días con papá e catro con mamá".

O pai da nena tamén aseverou que era imposible que a nena tomase ela soa medicamentos, que non adoitaba tomalos e que era moi madura para a súa idade.

José Manuel di que o día do falecemento da nena se lle notificou o suceso mediante unha chamada telefónica efectuada polo avó materno de Desirée. Declarou que aquel día non falou con Ana senón que se comunicou coa avoa materna da nena, á que lle preguntou "que pasou?" e ela respondeu "xa se saberá cando se teña que saber, José Manuel".

A avoa de Desirée declarou que a nena lle dixera nalgunha ocasión que o pai agredía física e verbalmente a nai, cousa que José Manuel desmentiu con rotundidade; dixo que só lle puido alzar a voz cando se negaba a deixar que a nena estivera con el.

Ademais, asegurou que a nena demandaba pasar máis tempo con el.

A madriña da nena falou coa nai o día do seu falecemento

A irmá de José Manuel e madriña da nena tamén compareceu esta tarde na Audiencia Provincial de Lugo. Ela foi á casa de Ana Sandamil, en Muimenta, o día que faleceu Desirée. 

Segundo testificou, ela acudiu ao domicilio despois de recibir unha chamada alertando de que a nena estaba sen vida. Cando chegou á vivenda da nai, falou con ela para preguntarlle que sucedera e asegura que lle contestou altivamente "a nena tomou unhas menciñas miñas".

Ademais, tamén declarou que escoitou o pai de Ana Sandamil ao teléfono falar con alguén, que supuxo que sería algún tipo de avogado ou asesor legal, e dicir: "A miña filla fixo cousas, que teño que facer?".

Lugar e data dos feitos

A pequena Desirée Leal apareceu morta en Muimenta en maio de 2019.  Estaba na cama da súa nai e a autopsia revela que a súa morte foi violenta.

Tanto a fiscala como as acusacións culpan a nai de darlle á nena un medicamento para durmir e despois asfixiala.

Por iso piden para ela prisión permanente revisable. O xuízo continuará durante toda a semana.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade