Publicador de contidos

Publicador de contidos

Pontón di que o BNG ten as ideas e a forza para gobernar Galicia en 2024

Pontón di que o BNG ten as ideas e a forza para gobernar Galicia en 2024

Formalizouse unha única candidatura para renovar a Executiva e o Consello Nacional

G24.gal 07/11/2021 09:06 Última actualización 14.10

Ana Pontón reivindicaba no seu discurso de apertura da XVII Asemblea do BNG, como única candidata é reelección como voceira nacional, a cohesión interna lograda nos últimos anos e o orgullo de pertencer a unha organización "que ten a cabeza e o corazón neste país", como bazas para ampliar a base do Bloque e alcanzar en tres anos o obxectivo de gobernar a Xunta.

Pontón felicitouse de que o BNG lograra superar o escepticismo dos que non crían nesta forza e que os citaban en pasado e que en lugar de desaparecer, son xa a segunda forza política en Galicia por diante dos socialistas e erixíndose en alternativa ao PP de Alberto Núñez Feijóo.

Asegurou a actual voceira nacional do BNG que se tomaron decisións audaces en 2016 para renovar o discurso e a estratexia política. Pontón sinalou como éxito dos nacionalistas situar os problemas das persoas entre as prioridades para proporcionarlles solucións a cada un deles, fuxindo de sucursalismos ou de dependencias de Madrid.

Ana Pontón afirmou antes as bases que teñen un proxecto con máis forza para liderar Galicia en tres anos e alcanzar a presidencia da Xunta en 2024.

Máis de 3.000 militantes participan este domingo na XVII Asemblea Nacional do BNG no Coliseum da Coruña, unha cita en que a actual portavoz nacional, Ana Pontón (Chorente-Sarria, 1977), sairá reelixida por terceira vez como líder nacionalista tras asumir as rendas da formación no 2016.

A asemblea apenas presentará sorpresas, xa que se formalizou unha única candidatura encabezada por Ana Pontón para renovar a Executiva e o Consello Nacional -máximo órgano de decisión entre asembleas-, pero servirá para renovar o ideario político da formación e as normas internas.

Ademais do apoio da militancia e simpatizantes, a asemblea contará coa presenza de delegacións internacionais e representantes doutros territorios do Estado, como Cataluña ou Euskadi.

Novas normas internas

A asemblea do BNG servirá para eliminar o límite de tres mandatos para os cargos do partido e institucionais que, de facto, non tivo consecuencias, polo menos, en ningún dos postos de relevancia da formación. Iso si, mantense o principio de "evitar" a acumulación de anos, co matiz de facer excepcións para aproveitar a experiencia dos dirixentes nacionalistas.

O Bloque sairá da súa asemblea cun protocolo de actuación para previr violencias machistas no seo da organización, que poderán chegar a sancións -as recollidas estatutariamente xa, inclusive a expulsión da organización- se así o determina a comisión de garantías.

Á marxe da elaboración deste protocolo, que se integra nas bases organizativas, o BNG proponse "favorecer unha maior participación das mulleres" na política. O Bloque quere fomentar o impulso de liderados e fomentar a participación de base e sinala que "é urxente afrontar con maior constancia e seguimento a análise das circunstancias que afectan á participación das mulleres e arbitrar medidas".

Alcanzar a Xunta

Nos obxectivos políticos da organización "feminista e verde", como se define o BNG, está unha substitución xeracional ordenada, conseguir máis gobernos municipais e deseñar propostas "verificables" se goberna a Xunta, un fin a alcanzar claramente marcado nos seus documentos.

Non en balde, este 7 de novembro é a data marcada polo BNG para arrincar un novo "ciclo" na formación, despois da "resistencia, reorganización e despegamento", en palabras da súa portavoz nacional coa aspiración de chegar á Xunta no 2024.

Programa da Asemblea

A asemblea comezará co debate do regulamento e un saúdo de benvida, seguido da interpretación do Himno Nacional galego e o discurso de apertura a cargo de Ana Pontón. Ao longo da xornada, debaterase o informe do Consello Nacional, as emendas e poderanse presentar propostas de resolución da asemblea, como é habitual.

Xa na xornada de tarde votarase o global dos documentos -informe e documento político- e a candidatura, que encabeza Ana Pontón. Tras a proclamación dos resultados e a presentación da dirección renovada, terá lugar a clausura, sobre as 19:00 horas, na que se lerán as propostas de resolución e haberá unha intervención final da portavoz nacional.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade