Publicador de contidos

Publicador de contidos

Ana Baneira chega a Galicia tras case catro meses de encarceramento en Irán

Ana Baneira chega a Galicia tras case catro meses de encarceramento en Irán

A activista galega aterrou en Santiago a primeira hora da tarde nun voo procedente de Xenebra

Imaxe de Ana Baneira á súa chegada acompañada polos seus familiares
G24.gal 27/02/2023 14:29 Última actualización 27/02/2023 21:15

Ana Baneira, encarcerada en Irán desde novembro baixo a acusación de participar nas protestas pola morte da moza kurda Mahsa Amini e liberada a fin de semana, chegou este luns a Galicia, tras aterrar ás 13:38 no aeroporto compostelán nun voo procedente de Xenebra.

A súa aterraxe en Santiago foi confirmada á prensa pola portavoz da familia, Llerena Perozo. Segundo o seu entorno, Ana Baneira chegou ben aínda que moi cansa.

"Agora vai descansar", din nunha mensaxe na que aseguran que este martes intentará reunirse cos medios de comunicación para falar do acontecido.

O sábado, tras ser excarcerada, a Baneira recolleuna o embaixador español en Teherán, Ángel Losada, e ese mesmo día falou por teléfono co ministro de Exteriores, José Manuel Albares, a quen lle contou que se atopaba ben, transmitiulle a súa alegría por regresar á casa, e agradeceu as xestións realizadas, que concluíron finalmente coa súa liberación.

A activista coruñesa levaba detida en Irán dende primeiros de novembro. Desde entón, o Ministerio de Exteriores, a través do embaixador en Irán, realizou xestións diplomáticas coas autoridades do país que lles permitiron visitala antes da liberación. "Foi un tema prioritario. Houbo conversas a todos os niveis ata chegar ao feliz desenlace", aseguraba Albares.

Queda aínda nun cárcere iraní Santiago Sánchez Cogedor, un español acusado de espionaxe logo de visitar a tumba de Masha Amini. A súa familia defende a súa inocencia e pide a súa liberación. A República Islámica mantén presos nos seus cárceres decenas de cidadáns europeos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade