Amplíase ata os 74 anos o cribado de cancro de mama
Comezaron a citar esta semana en Valdeorras e a finais de mes no resto das áreas sanitarias
O programa incorpora así 100.000 mulleres máis, as de 70 a 74 anos
Galicia avanza na prevención do cancro de mama, ampliando ata os 74 anos a poboación diana do cribado. Como xa está a suceder en Valdeorras, 100.000 mulleres de entre 70 e 74 serán citadas para unha mamografía nos próximos meses.
"Moitas destas mulleres xa participaron na proba ante de cumprir coa idade máxima, así que están familiarizadas co sistema de citación para a rolda de mamografías. Chegaralles unha carta cunha cita asignada, con posibilidade de cambiala se non poden asistir", explica Ángel Gómez Amorín, xefe do servizo de programas de cribado de Saúde Pública.
O 82 % das mulleres de entre 50 e 69 anos asisten ao cribado, que se fai cada dous anos. Un éxito de participación que agardan repetir neste novo tramo de idade, xa que é fundamental previr para gañarlle a carreira ao cancro.
"Se o detectamos a través do programa, nun 70 % son estadios precoces, polo que o prognóstico é moito mellor e iso ten unha repercusión demostrada na diminución da mortalidade deste cancro", engade Gómez Amorín.
Coa ampliación do programa terán un 25 % máis de pacientes, chegando a un total de 500.000. Para atendelas está prevista a creación de novas unidades de exploración en Santiago, A Coruña e Vigo e a contratación de máis persoal especializado.