Publicador de contidos

Publicador de contidos

Ampliado ata febreiro o ensaio clínico coa vacina do virus respiratorio sincitial

Ampliado ata febreiro o ensaio clínico coa vacina do virus respiratorio sincitial

Ata o de agora, máis de 42.200 persoas participaron neste estudo

Para favorecer a participación de persoas maiores, equipos de enfermería desprazáronse durante esta semana a residencias sociosanitarias

G24.gal 01/02/2026 18:07 Última actualización 01/02/2026 18:16

A Consellería de Sanidade anunciou este domingo que ampliará ao mes de febreiro o ensaio clínico Sincigal, que está a levar a cabo para avaliar os efectos sobre os ingresos hospitalarios das vacinas contra o virus respiratorio sincitial (VRS).

Ata o de agora, un total de 42.294 persoas participaron neste estudo, despois de que no día de onte 3.338 aproveitasen a xornada extraordinaria de vacinación promovida como parte deste ensaio clínico nos hospitais públicos galegos.

Este domingo repetíase esta convocatoria, á que é posible acceder sen cita previa nos catorce hospitais de titularidade pública do Servizo Galego de Saúde.

De igual maneira, durante o mes de febreiro, as persoas interesadas en participar poderán facelo acudindo a estes hospitais ou a algún dos máis de cento trinta centros de saúde adscritos ao estudo.

Ademais, para favorecer a participación de persoas maiores, equipos de enfermería desprazáronse durante esta semana a diferentes residencias sociosanitarias para administrar as vacúas pertinentes.

A través de Sincigal, a Consellería de Sanidade e a Fundación Pública Galega Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago buscan evidencia científica que analice a eficiencia da vacina fronte ao VRS e os seus efectos na redución dos ingresos hospitalarios por causa do mesmo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade