Publicador de contidos

Publicador de contidos

Regresa con éxito a misión da NASA que regresa pola enfermidade dun astronauta

Regresa con éxito a misión da NASA que regresa pola enfermidade dun astronauta

A cápsula en que viaxaban os catro cosmonautas descendeu con suavidade sostida por catro paracaídas

(Imaxe: NASA) (Imaxe: NASA)
G24.gal 15/01/2026 10:03 Última actualización 15/01/2026 11:27

A misión Crew-11 da NASA amarou con éxito este xoves no océano Pacífico fronte á costa de San Diego (California, os EUA), tras un regreso anticipado desde a Estación Espacial Internacional (EEI) debido a unha emerxencia médica que afectou un dos seus catro tripulantes.

A cápsula Dragon de SpaceX, que se desacoplou da estación espacial o mércores ás 22:20 GMT, tocou a auga axudada por catro paracaídas ás 8:41 GMT, confirmou a axencia espacial estadounidense nas súas redes sociais coa mensaxe: "Wellcome home, Crew-11".

Os catro astronautas, Zena Cardman e Mike Fincke, da NASA; Kimiya Yui, da axencia espacial xaponesa JAXA, e Oleg Platonov, da axencia espacial rusa Roscosmos, regresaron á Terra despois dunha viaxe dunhas once horas e de permanecer 165 días no laboratorio orbital e 167 no espazo.

Coa axuda de paracaídas, a cápsula desacelerou para amarar de maneira segura no océano, onde os buques de recuperación esperaban para asegurar a Dragon e trasladar os astronautas a terra firme, entre eles, o tripulante enfermo, que se atopa estable, e do que a NASA non identificou por motivos de privacidade. 

Despois de chegar exactamente á hora prevista e de realizar o que segundo a NASA foi "unha reentrada perfecta", a tripulación permaneceu na cápsula, que foi recuperada e trasladada a un buque polos membros do equipo de recuperación, onde aos astronautas se lles vai facer un exame médico inicial antes de ser trasladados a terra en helicóptero.

Todo o proceso, que mesmo foi seguido de preto por un grupo de golfiños, realizouse cunhas condicións mariñas "excelentes" que facilitaron o traballo dos operarios da NASA.

Uns corenta minutos despois de amarar, abríanse as portas da cápsula e saían os astronautas. O primeiro en facelo foi o comandante Mike Fincke, quen tras saudar foi trasladado en padiola. Minutos despois seguíanlle Zena Cardman, Kimiya Yui e Oleg Platonov.

Un regreso anticipado

O pasado 8 de xaneiro, a NASA anunciou a súa decisión de adiantar a fin da misión e traer de volta á Terra aos catro membros da tripulación, un deles afectado por un problema médico do que non se deron máis detalles, salvo que se atopa estable.

É a primeira vez que unha misión da EEI en operación permanente regresa antes de tempo pola saúde dun dos seus membros porque, aínda que a estación conta con equipos médicos avanzados, os diagnósticos complexos deben realizarse en terra.

A misión que adiantou o seu retorno "poucas semanas" respecto ao calendario orixinal -contemplaba unha estancia de seis meses en órbita- obrigou a cancelar a primeira camiñada espacial deste ano que estaba prevista para este xoves.

Tras a saída da Crew-11, tres tripulantes permanecen a bordo da EEI, baixo o mando do ruso de Roscosmos Serguéi Kud-Sverchkov, quen asumiu o mando como comandante do laboratorio orbital en substitución de Fincke.

A Crew-12, a próxima misión, tamén de catro tripulantes -entre eles a astronauta da Axencia Espacial Europea (ESA) Sophie Adenot-, ten previsto o seu lanzamento desde Florida a mediados de febreiro, o que permitirá restablecer o número habitual de astronautas na estación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar