Altri: "O noso plan é utilizar 100 % madeira certificada de Galicia"
O grupo Altri, que prevé abrir unha fábrica de fibras téxtiles en Palas de Rei, afirma que a súa idea é mercar toda a madeira necesaria en Galicia. Logo, as teas elaboradas con esa madeira venderíanllela a grupos de roupa de Galicia, Portugal, Norte de África e Turquía.
Dixo no Galicia por diante o conselleiro delegado da empresa portuguesa, Xosé Soares de Pina, quen engadiu que están tramitando os informes de impacto ambiental e os labores de deseño de preenxeñaría.
Indicou que analizaron 46 posibles lugares para instalar a fábrica, 31 deles na provincia de Lugo. Finalmente decantáronse por Palas porque ten auga abonda para abastecer a planta, solo dispoñible, materia prima accesible e fontes de enerxía.
Ademais, explicou que están en contactos co Goberno central para poder acceder ás axudas europeas Next Generation. O proxecto, valorado en 800 millóns de euros, podería empezar para finais de ano, se todo sae segundo o previsto.
"Os permisos forman parte dun proceso altamente complexo. É moi normal en proxectos desta magnitude e complexidade. Esperamos ata finais de ano para tomar unha decisión final do investimento e aí xa con base nos permisos arrancar co proxecto".