A COLUMNA ECONÓMICA
A UE atrévese... un pouco, por María Bastida
A Comisión Europea decidiu dar un primeiro paso para frear a avalancha de paquetes ultrabaratos que chegan ás nosas fronteiras a través de plataformas como Shein ou Temu. Farao cunha medida modesta pero simbólica: unha taxa de dous euros por paquete, pagada polas propias plataformas, para compensar o custo de xestionar máis de 4.000 millóns de produtos ao ano, o 91 % procedentes da China e por baixo do limiar dos 150 euros, o que os exime de aranceis.
Bruxelas insiste en que non se trata dun imposto, senón dunha taxa técnica vinculada aos servizos aduaneiros. Pero o seu significado político é maior: responde ao crecente malestar pola asimetría competitiva que estas plataformas xeran respecto ao comercio europeo, suxeito a regulacións laborais, fiscais e ambientais moito máis esixentes.
Non se trata de proteccionismo en sentido estrito, pois non discrimina por país de orixe, senón por tipo de envío e custo administrativo. Aseméllase máis a unha taxa por servizos prestados, algo común en moitos outros sectores. Ademais, Shein e Temu operan con custos laborais ínfimos, estándares de seguridade e sustentabilidade dubidosos, e unha loxística global que externaliza boa parte dos seus custos ao sistema público europeo. Esta medida visibiliza esas externalidades, que ata o de agora sufriamos todos de forma indirecta: saturación aduaneira, precarización do consumo e un impacto ambiental con pouca rastrexabilidade.
Agora ben, dous euros por paquete son un xesto modesto fronte a un fenómeno sistémico. A medida corre o risco de quedar no simbólico se non se acompaña dun reforzo real da capacidade inspectora, normativa e regulatoria. A maioría destes produtos seguen entrando sen controis efectivos sobre calidade, etiquetaxe ou cumprimento de estándares europeos. Tampouco atalla o problema de fondo: o modelo de consumo ultrarrápido e sen regular que promoven estas plataformas. Lonxe de desincentivalo, estamos a xestionalo con luvas de seda. Se ademais o custo se traslada ao consumidor, é probable que asistamos a unha onda de queixas por "encarecemento", sen entender que ata o de agora ese prezo era artificialmente baixo grazas á ausencia de fiscalización real.
En definitiva, Europa empeza, ao fin, a reequilibrar un terreo de xogo desigual. Oxalá este xesto simbólico se converta nun precedente, porque este desequilibrio non é exclusivo do comercio electrónico. O sector primario europeo leva anos denunciando o mesmo: que compite en inferioridade con importacións sen equivalencias regulatorias, mentres se lle esixen altos estándares de calidade, sustentabilidade e benestar animal.
Se esta taxa marca un punto de inflexión, debe ser o primeiro paso dunha política comercial e económica máis coherente e valente. A gran pregunta é se a UE está disposta a ir máis aló dos xestos. Porque se seguimos tratando problemas estruturais con medidas cosméticas, acabaremos debilitando aínda máis o que queda de tecido produtivo propio.
En resumo: ben como inicio, pero insuficiente como estratexia. Porque o que está en xogo non é só o futuro do comercio dixital, senón a coherencia de todo un modelo económico, onde tamén o campo, a pesca ou a industria deben deixar de competir coas mans atadas.