Aspas imaxina un Celta en Europa: "Todos asinariamos hai un mes estar nesta situación"
O capitán pasou polo programa Ao Contraataque da Radio Galega
"Para a vindeira temporada haberá unhas 5 incorporacións", dixo o moañés ao que lle encantaría estar na dirección deportiva do club nun futuro
Iago Aspas aposta por un Celta en Europa. Na que pode ser a súa última temporada en activo non ten dúbida de que o equipo vai dar unha boa medida no partido diante do Xetafe. O capitán pasou polo programa Ao Contraataque a menos de 48 horas do decisivo partido no que unha vitoria metería o cadro vigués en Europa League.
Pero Aspas sabe ben o traizoeiro que é o fútbol. "De 27 combinacións metémonos en 23 ... pero eu xa sei o que é manterme en Primeira na temporada 12-13 con só o 4% de posibilidades" asegurou o dianteiro.
Sobre o seu futuro deixou varias declaracións. Non lle obsesiona o que aconteza a partir de 2026. "Unha vez chegado o momento verei como está o meu físico" pero sí recoñeceu que lle gustaría xogar no novo Balaídos "aínda que levantar a bancada vai lento de carallo".
A Aspas encántalle a planificación deportiva e participou de xeito activo en varias fichaxes nos últimos anos. Cando se lle pregunta polas incorporacións para a vindeira temporada asegura que "farán falta unhas 5 fichaxes". Iso sí, dependendo de si o Celta entra ou non en Europa.