Alta concorrencia na feira cabalar de Noia polo San Marcos
Alta concorrencia na feira cabalar de Noia polo San Marcos
Inscribiron oitenta cabalos para participar nas probas morfolóxicas en que a pura raza galega é a maioritaria
"Esta besta que está para parir quedou campioa hoxe. E xa foi campioa varias veces, quedou campioa hoxe". Lino Freire fala orgulloso da súa Dana. A besta, procedente de Oza dos Ríos, é gañadora dun dos primeiros premios que se outorgaron nesta mañá da feira anual de Noia.
A cita congregou oitenta cabalos para concursar nas probas morfolóxicas que distinguen a pura raza galega: "Son os cabalos de aquí. Hai que coidar deles, porque son os nosos cabalos de toda a vida. Teñen que ter unha capa castaña sen nada branco ou toda negra, sen nada branco, para poder competir na pura raza galega", di Sergio Freire, gandeiro.
Acudiron afeccionados, tratantes e gandeiros do Barbanza e doutras comarcas galegas. Preguntamos polo custo de manter un cabalo: "Se che gusta non é custosa, hai que día a día traballar con eles e darlles de comer. Subiu moito a comida, polo que é máis caro nese tema", di Adrián Martínez.
Ainara Abad conta que "vén concursar con dous cabalos anglo-árabes".
E, un ano máis á fronte do comité organizador da feira, Xacobo Pérez, que valora a situación da cabana cabalar: "Está nun momento de eclosión, de plenitude. Porque despois da pandemia todos temos necesidade de interactuar, de saír, de falar... e os cabalos, loxicamente, de ser mostrados despois dese parón cunha saúde extraordinaria, e máis na feira de San Marcos en Noia", afirma Pérez Paz, que tamén é presidente da Asociación Pura Raza Cabalo Galego.
A feira de Noia segue pola tarde cunha xincana popular, exhibición de cabalos de tiro e paseos de a cabalo para a rapazada.