Publicador de contidos

Publicador de contidos

Algúns dos maiores incendios activos en Ourense afectan territorios de Laza e Verín

Algúns dos maiores incendios activos en Ourense afectan territorios de Laza e Verín

O lume que comezara o luns en Mourazos, en Verín, mantense controlado tras arrasar arredor de nove hectáreas

G24.gal 17/08/2025 14:29

Nos termos municipais de Verín e de Laza tamén miran os bosques e os montes que os rodean con temor e tristeza.

O lume que comezara o luns en Mourazos, en Verín, mantense controlado tras arrasar arredor de nove hectáreas, pero algúns dos grandes incendios activos na provincia de Ourense, como o iniciado en Chandrexa e o de Oímbra, afectaron e seguen queimando o seu territorio.

"Ardeu toda a serra que nos separa do monte de Vences. Logo o incendio no monte Meda pasou ao termo de Laza xa todo. Ardeu para a zona de Souteliño. Agora está baixando para Retorta", explica un veciño.

"Quen non ten medo vendo as lapas que había aí?", pregunta retoricamente outro residente na zona.

Os veciños agradecen a intervención da Unidade Militar de Emerxencias e do Grupo de Emerxencias Supramunicipal.

"Grazas á UME, porque se non é pola UME aquí asámonos. E grazas tamén ao GES de Laza, que onte e hoxe non pararon", subliña un home.

"Agradecidos porque se non isto non hai quen o pare. Está moi seco todo e non hai limpeza. Iso é o que pasa", engade outro.

Explican que eles tamén están facendo o posible para protexer as súas vivendas.

"Axudar a apagar cando vén moi preto da casa, aínda que co fume hai que recollerse", conta un dos homes.

"Se estás preto da casa podes apagala, pero se marchas da casa cando volvas igual a tes queimada, como pasou na Caridade e noutros puntos", advirte o outro.

A veciñanza dos concellos de Laza e de Verín segue baixo aviso, a través da ferramenta ES-Alert, de que evite viaxes innecesarias e quede na casa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade