Publicador de contidos

Publicador de contidos

Alerta pola chegada das carabelas portuguesas ás praias do Cantábrico

Alerta pola chegada das carabelas portuguesas ás praias do Cantábrico

Nas últimas horas houbo que prohibir o baño en varias praias de Foz, Barreiros e de Valdoviño

A picada das tamén chamadas falsas medusas é perigosa, ten un efecto paralizante 

G24.gal 06/08/2025 14:43

Un caldeiro cheo de carabelas portuguesas retirouse nas últimas horas na praia de Pantín, en Ferrol. Chegaron arrastradas polo vento de nordés. A presenza deste organismo nos areais do Cantábrico cada vez é máis frecuente. 

 "Hai máis ca outros anos", di unha muller; outro bañista comenta: "Hainas pola beira, pero están mortas".

Houbo que prohibir o baño en varios areais da Mariña e de Valdoviño. Hoxe a situación está máis tranquila, hai bandeira vermella, pero por altura de onda.

"Onte tivemos un incidente, un surfista sufriu unha picada e houbo que evacualo en ambulancia. Cando hai presenza delas hai que pechar a praia", explica Antón Dopico, Coordinador de socorristas no Valdoviño.

Semella unha medusa pero non o é. A súa picadura é perigosa con efecto paralizante e moi dolorosa.

"Teñen uns tentáculos moi longos que na auga non se ven porque son transparentes", di unha bañista.
 

De momento na Mariña non se rexistrou ningunha picadura pero estes organismos xa se avistaron en practicamente todos os areais da Mariña e tamén na comarca de Ferrolterra. 

"Hai carteis informativos advertindo da súa presenza e tamén os socorristas informan os bañistas", explica David Becerra, coordinador do servizo de socorrismo de Barreiros.

Ante unha picadura o recomendable é....

"Lavar a zona da picada sen chegar a tocar, botarlle auga do mar para aliviar o proído e se vemos que vai a máis, ir ao centro de saúde", engade David Becerra.

E non subestimar o seu perigo, xa que mesmo mortas o seu veleno urticante aínda persiste ata 24 horas. E chamar ao 112.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade