Alcaldesas galegas reivindican a súa xestión: “Marcamos outra forma de gobernar”
A xornada ‘As mulleres xestoras do cambio, o papel de Europa’, organizada pola Fegamp reuniu responsables locais de toda Galicia
O presidente da Fegamp, Alberto Varela; a directora xeral de Igualdad de la Xunta, María Quintiana e a directora xeral do Instituto das Mulleres do Ministerio de Igualdade, Cristina Hernández
Alcaldesas galegas reivindicaron este xoves en Santiago de Compostela a súa xestión á fronte dos concellos e aseguraron que están a marcar outra forma de gobernar, cunha especial sensibilidade cara ás políticas sociais e unha profunda capacidade de negociación.
A xornada ‘As mulleres xestoras do cambio, o papel de Europa’, organizada pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) con motivo do 8 de marzo, reuniu responsables locais de toda Galicia.
Ao acto asistiron o presidente da Fegamp e alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela; a directora do Instituto da Muller, Cristina Hernández; e a directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, entre outras representantes institucionais.
Teitos de cristal e máis esixencia ás mulleres
A alcaldesa da Rúa, María Albert (BNG), afirmou que na política persisten teitos de cristal e que as mulleres afrontan situacións ás que os homes non se enfrontan. Sinalou que as que ocupan cargos públicos teñen a responsabilidade de exercer a súa función de maneira contundente para demostrar que existe outra forma de gobernar.
Destacou unha maneira máis colaborativa de abordar negociacións e traballos, baseada no consenso. Como exemplo, apuntou que na comarca de Valdeorras, onde catro dos nove concellos están gobernados por mulleres, existe unha colaboración máis fluída entre administracións, con independencia da forza política.
Pola súa parte, a alcaldesa de Boborás, Patricia Torres, incidiu en que moitas veces as rexedoras deben demostrar a súa valía para gañar confianza. Lembrou que revalidou a alcaldía en 2023 con case o 87 % dos votos, o que a converteu na alcaldesa coa maior porcentaxe de apoio de Galicia.
Torres defendeu que a política exercida por mulleres é positiva e subliñou unha maior sensibilidade en ámbitos como o social. Referiuse a servizos de conciliación, fundamentais tamén para facilitar o acceso das mulleres á vida pública, segundo apuntou María Albert.
A alcaldesa de Cee, Margot Lamela (PSOE), asegurou que na súa etapa como avogada non sentiu discriminación, pero si na política. Indicou que en ocasións as mulleres deben demostrar máis os seus coñecementos, tamén en cuestións como infraestruturas e obras.
As tres coincidiron en que as mulleres están a impulsar unha forma diferente de facer política, cunha aposta polo reforzo dos servizos de conciliación para favorecer a incorporación ao mercado laboral.
Fondos europeos e políticas de igualdade
Durante a xornada abordáronse tamén as políticas de igualdade financiadas con fondos europeos. A directora do Instituto da Muller, Cristina Hernández, puxo en valor as medidas do Goberno central en materia feminista e destacou avances como a redución da fenda salarial, o incremento do salario mínimo interprofesional e programas de conciliación como o Plan Corresponsables.
O presidente da Fegamp, Alberto Varela, subliñou a importancia de defender o feminismo nun contexto no que existen forzas políticas que cuestionan a igualdade e negan a violencia de xénero. Chamou a seguir incorporando máis alcaldesas ás institucións.
A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, destacou Galicia como referente na elaboración de políticas de igualdade con apoio europeo. Sinalou a importancia de garantir que as mulleres recuperen espazos para impulsar os seus proxectos persoais e profesionais.
Quintiana puxo como exemplo o programa Emega de apoio ao emprendemento feminino, cofinanciado con fondos FSE+ e da Xunta, que nos últimos anos mobilizou máis de 32 millóns de euros, apoiou máis de 2.400 proxectos e contribuíu á creación de máis de 4.000 empregos.
Con motivo do Día Internacional da Muller, a Fegamp lanzou tamén a campaña ‘As nenas non queren ser princesas, queren ser alcaldesas’, na que participan distintas rexedoras galegas e á que a entidade agradece formar parte do cambio.