Alberto Quiles: "Sería importante vernos xa primeiros"
Alberto Quiles: "Sería importante vernos xa primeiros"
O Deportivo recibe o Badaxoz en Riazor
O Deportivo recibirá o sábado (17:00 horas pola G2 e en g24.gal/deportes) o Badaxoz coa primeira praza da clasificación a tiro. Por segunda vez nas tres últimas xornadas, só dous puntos separan ao equipo coruñés do liderado de Primeira Federación: neste momento o Dépor é terceiro clasificado con 46 puntos, o Alcorcón suma 47 para ser segundo e o Castela marcha líder con 48.
Neste pano de puntos, sen apenas distancias entre os primeiros da táboa, ninguén no vestiario branco e azul quere desaproveitar a oportunidade de situarse na cabeza desde xa. Se o pasado mércores Lapeña insistía en referendar o bo momento do Dépor cun novo triunfo, o seu compañeiro Alberto Quiles lembrou antes do adestramento deste xoves que chegar ao liderado nesta mesma xornada suporía non só a boa noticia da vitoria deportivista contra o Badaxoz, senón, ademais, as picadas dos seus rivais directos:
"Sería importante vernos xa primeiros, cuantos menos puntos fagan os rivais mellor. Se nos poñemos primeiros xa, vai dar moita máis confianza e a afección vaise ilusionar. Oxalá podamos vernos primeiros, pero sobre todo porque cantos menos puntos sumen os nosos rivais, mellor para o Dépor", explicou.
Con todo, o pichichi branco e azul, autor de dez goles nestas 24 xornadas, sinalou que a clasificación está lonxe de aclararse e que non só o Deportivo, o Castela e o Alcorcón van pelexar pola primeira praza. Tamén situou neste pulso ao Córdoba e ao Racing de Ferrol.
"Os tres primeiros imos estar arriba ata o final, pero con todos os puntos que quedan por xogar, outros tamén estarán a pelexar connosco".