Alarma pola escaseza de marisco na ría de Arousa
As capturas de berberecho e ameixa caeron en 2021 máis do 50% sobre a media histórica
O cambio climático é o principal sospeitoso polo quentamento da auga e a proliferación de algas
O sector pide estudos científicos que expliquen o declive produtivo na ría

As mariscadoras de Vilanova téñeno claro. Nos últimos anos hai menos marisco, medra máis lento e morre sen causa coñecida. A escaseza nótase en toda A Arousa, especialmente no berberecho e na ameixa con baixadas de máis do 50 % sobre a media histórica dos últimos 20 anos. O principal sospeitoso, o cambio climático.
"Precisamos investigación sobre como afecta o cambio climático na ría, non só cando chove torrencialmente e altera a salinidade da auga, tamén pola temperatura da auga e do ambiente que afecta á bioloxía do marisco", explica Paula Barreiro, técnica da confraría de Vilanova de Arousa.
Co aumento da temperatura da auga proliferan tamén as algas que asfixian o marisco. Retiralas supón un esforzo grande de cartos e tempo.
"Levamos 3 días seguidos indo esta semana, pola mañá marisco e pola tarde apañamos algas".
"Apañámolas nós co corpo e despois temos que andar pedindo favores que nos deixen terreos onde poder deixalas", lamentan Marisa Seco e Obdulia Piñeiro, dúas mariscadoras de Vilanova.
Engaden que non teñen contedores específicos onde botalas e sospeitan que pode haber verteduras na ría que as alimenten.
"Todo baixa polo río ao mar, veñen tamén nitratos, fertilizantes, e a alga non deixa de ser unha herba", explica Obdulia.
Aquí xa tomaron medidas para rotar areais e regular as cotas, pero o descenso continúa. Reclaman estudos científicos e medios para reverter a caída de capturas nunha das rías máis ricas de Europa.