Agudízase a pelexa polo ascenso directo á Segunda División
O Racing e o Deportivo xogarán un derbi decisivo na Malata o vindeiro domingo (19:00, G2 e G24)
O Alcorcón mantivo a vantaxe co Real Madrid Castela e o Deportivo e ampliouna cos departamentais
A falta de sete xornadas para que remate a liga na Primeira Federación, a clasificación apértase na zona alta. O Deportivo, terceiro clasificado, está a catro puntos do líder. O Racing, cuarto cun partido menos, mantense nos 55 puntos, tres por riba do Celta B, quinto clasificado cunha marxe de catro puntos sobre o Linares.
A pelexa polo ascenso agudízase. Os de Óscar Cano recuperan folgos na persecución do ascenso directo tras golear o Fuenlabrada en Riazor. O tropezo do Racing, seguinte rival na liga, beneficiounos esta xornada. Malia todo, volveron escoitarse asubíos ao adestrador.
O duelo ante o Deportivo preséntase como unha oportunidade en Ferrol. O Racing buscará resarcirse na Malata da derrota ante o Mérida. Os de Cristóbal volveron perder tres meses despois.
A actuación arbitral decidiu o encontro entre o Celta B e Unionistas. O partido resolveuse cun penalti moi dubidoso a Iván Chapela. Pola contra, o colexiado non asubiou pena máxima nunha acción sobre Hugo Álvarez na liña da área contraria.
Quen non fallou foi o líder, o Alcorcón. Derrotou pola mínima un Pontevedra que mereceu máis e que queda a catro puntos da salvación.