Publicador de contidos
Publicador de contidos

Advirten dos riscos e da volatilidade de investir en criptomoedas

Advirten dos riscos e da volatilidade de investir en criptomoedas

Os expertos alertan da súa volatilidade e lembran que non teñen amparo legal

Cada día nacen 10 novas divisas dixitais

Antón Montero 27/05/2022 18:14

A criptomoeda Luna cambiábase en abril por uns 110 euros. Hoxe, non nos darán por ela máis que algúns céntimos. Coa súa caída arrastrou o máis popular destes activos, o Bitcoin, que vale hoxe a metade que hai seis meses.

Son exemplos dos riscos dos que veñen avisando os expertos desde que estes produtos se popularizaron. 

María Cadaval, profesora de Economía Aplicada da USC, explica que "son activos altamente especulativos. Poden ter alta rendibilidade, pero tamén teñen un altísimo risco, e non están apoiadas por ningunha autoridade. Cando gañamos, gañamos todo nós, pero cando perdemos, tamén perdemos absolutamente todo nós".

As criptomoedas son divisas dixitais que naceron para facilitar os pagamentos na Rede á marxe de gobernos, bancos ou supervisores. Isto fainas especialmente tentadoras para actividades á marxe da lei.

Pero a súa alta rendibilidade converteunas tamén nun atractivo produto de investimento: o 56 % dos investidores institucionais europeos xa teñen criptomoedas nas súas carteiras.

Daniel Vitoria, responsable dun caixeiro de criptomoedas, explica que "sempre advertimos a xente que isto é un investimento a medio, longo prazo, que ten correccións importantes pero que se o ves como un investimento a 5, 7 anos, o normal é que acabes gañando bastante diñeiro".

Hoxe hai 16.000 criptomoedas diferentes, e cada día aparecen outras 10. Acumulan tanto capital como o que tiñan no seu día as hipotecas subprime.

O Banco Central Europeo xa advirte que se seguen medrando, poderán crear riscos para a estabilidade financeira. O premio Nobel, Joseph Stiglitz, propuxo este venres a súa prohibición.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade