Publicador de contidos

Publicador de contidos

Advirten dos perigos dun uso inadecuado das lentes de contacto de fantasía

Advirten dos perigos dun uso inadecuado das lentes de contacto de fantasía

Para evitar lesións nos ollos, o Colexio de Ópticos Optometristas de Galicia recomenda solicitar con tempo unha consulta

Exemplos de lentes de contacto de fantasía empregadas para perfeccionar unha caracterización carnavalesca
Félix Aragunde 19/02/2025 20:45 Última actualización 19/02/2025 21:00

Poden ser de vampiro, de lobishome, de zombi ou de calquera outra personaxe ficticia. No mercado existe unha ampla e variada oferta de lentes de contacto de fantasía que axudan a completar un disfrace durante o Entroido. Pero non todo vale, polo que o Colexio de Ópticos Optometristas de Galicia recomenda solicitar con tempo unha consulta se non se quere acabar as festas cunha conxuntivite ou mesmo con lesións nas córneas.

Mercedes Cortiñas, óptica: "Todas esas horas sen unha adaptación previa poden provocar unha conxuntivite facilmente, ou mesmo úlceras no ollo".

Os perigos dun uso inadecuado deste tipo de lentes de contacto téñenos ben presentes nas tendas de disfraces. Tanto é así, que a maioría prefire non vendelas e remitir os clientes ás ópticas.

Pedro Ponce, xerente dunha tenda de disfraces: "Cando me vén un cliente pedíndoo, mándoo ás ópticas, que é onde se venden ese produto. Agarimo é unha tenda especializada en disfraces onde se pode atopar de todo agás lentes de contacto, porque non as vendemos".

Javier Díaz, encargado dun bazar: "Moitas perrucas, maquillaxe, disfraces, accesorios ou abelorios, e algo que tamén nos piden moito, pero non temos, son as lentes de contacto".

Outro consello das ópticas ten que ver co uso da maquillaxe, que debe ser de base líquida e aplicarse despois de poñer as lentes de contacto. Por outra parte, lembran que cómpre hidratar os ollos.

Mercedes Cortiñas, óptica: "Se botamos a noite nun local cerrado e con moita calor, o ollo pode secarse un pouquiño máis coa lente de contacto. Por iso hai que procurar usar bágoas artificiais, que manteñen o ollo moito máis tempo hidratado".

Así e todo, advirten de que ano tras ano aumenta o volume de vendas das lentes de fantasía nas tendas en liña, sen a correspondente prescrición facultativa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade