Publicador de contidos

Publicador de contidos

Advirten do risco altísimo dos artefactos da Guerra Civil perdidos en vivendas

Advirten do risco altísimo dos artefactos da Guerra Civil perdidos en vivendas

Só os Tedax de Pontevedra desactivan case medio cento de artefactos cada ano

O paso dos anos non lles pasa factura: a estrutura é máis feble, pero a potencia da carga é a mesma

G24.gal 24/10/2025 14:47

Chámanlle agresivos, e non explosivos, porque son perigosos case con mirar para eles. 

"O explosivo en si, o agresivo, non perde as propiedades. O que perde estabilidade son os compoñentes que activan ese explosivo. Por iso hai que ter moito coidado. A un pequeno toque, pódese activar", advirte José Eugenio Alonso, Garda Civil dos Tedax de Pontevedra

Non é un xogo, nin un elemento de decoración nin tan sequera obxectos legais para gardar nun caixón ou colocar no salón. 

"A poboación ten medo de avisar por se os denuncian. Non pasa nada. Nós simplemente llo imos quitar do medio", engade Alonso.

O que apareceu esta semana en Cambados era especialmente grande e potente, con case catro quilos de dinamita dentro.

"É un artefacto de grandes dimensións, de 120 milímetros de diámetro, cunha carga de TNT, dunha grande perigosidade. Como se activa este artefacto? Cando cae, cae de punta e aí ten unha espoleta que activa o detonador que activa a carga. Tiraría a casa abaixo ao completo", lamenta o membro do Tedax.

O de Cambados non é caso excepcional. Só os Tedax de Pontevedra desactivan cada ano preto de medio cento de artefactos dos tempos da guerra. 

"As granadas de man de piña, que lle chaman, son as que máis aparecen. Os proxectís de morteiro, coma este de Cambados, aparecen pero máis pequenos, de 40 milímetros, de 60, mesmo de 81 pero de 120 non é normal", explica José Eugenio Alonso.

Aquí en Galicia onde máis sustos hai é no sueste da provincia de Ourense. Aparecen en faiados ou xardíns, sobre todo, nas fins de semana. Un dato curioso pero non casual.

"Cando se herda unha casa ou se compra para rehabilitar, cando se vai facer limpeza nela é na fin de semana e aí cando nós recibimos os avisos", desvela o axente dos Tedax de Pontevedra.

Se se ven no caso: mirar e non tocar. Abrir portas e ventás, saír da casa e chamar o 062. Fácil: 0-6-2. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade