Adrián Ben alcanza un meritorio oitavo posto na final dos 1.500 do Mundial
O atleta de Viveiro asinou unha excelente carreira, pero falláronlle as forzas na recta final
Adrián Ben debutou nunha final do 1.500 dun Mundial ao aire libre cun oitavo posto, posición por tanto de premio de finalista (reservado para os oito primeiros), cun tempo de 3.35.38. O atleta galego circulou durante gran parte da proba na quinta posición e buscou unha arrancada final na última volta, pero esta ocasión non foi posible e non puido loitar polo podio. O portugués Nader levou o título de campión do mundo.
O viveirense estaba a asinar unha excelente carreira na final do 1.500, correndo no grupo cabeceiro, pegado á corda, e aguantando ben o ritmo lento da proba. Así se sucederon as voltas e cando entrou na última, a toque de campá, seguía na pelexa polo grupo cabeceiro. Na contrameta saíu á rúa 2 en busca de espazo e na última curva tentou aceleran para loitar polas medallas, pero as forzas xa non o acompañaron e ao final entrou nunha máis que meritoria oitava posición nunha final de 14 atletas.
