Adama Traoré xa coñece Abegondo e os seus novos compañeiros
O xogador de L'Hospitalet de Llobregat traballou esta mañá baixo as ordes de Hidalgo
O Deportivo anunciou este mércores a fichaxe de Adama Traoré, que se comprometeu co club coruñés por dúas tempadas, ata xuño de 2028. O xogador de L'Hospitalet de Llobregat, que ten 30 anos, chega á Coruña avalado por unha ampla experiencia internacional e por unha traxectoria desenvolvida, principalmente, no fútbol inglés, tal e como lembra o club nun comunicado. A pasada tempada, 2025-26, disputou 24 partidos da Premier League e 4 de FA Cup entre o West Ham e o Fulham.
Formado nas categorías inferiores do Barcelona, Adama Traoré chegou a debutar co primeiro equipo azulgrana, co que disputou 12 encontros. A súa carreira desenvolveuse posteriormente en Inglaterra, onde defendeu as camisetas de Aston Villa, Wolverhampton Wanderers, Fulham e West Ham, entre outros equipos.
En total, o novo futbolista deportivista acumula 271 partidos na Premier League, con 14 goles e 27 asistencias, alén de experiencia nas grandes competicións europeas: 1 partido de Champions League e 16 de Europa League, nos que suma 2 goles e 2 asistencias.
O extremo, que xa traballou esta mañá cos seus compañeiros, chegou a vestir en 8 ocasións a camiseta da selección absoluta.