Activan o plan de emerxencias ao accidentarse nas Somozas un camión con mercadorías perigosas
O vehículo sufriu unha pequena perda da carga que tratan de controlar os servizos de emerxencia
O 112 recomenda non achegarse á zona e seguir as indicacións das autoridades
A Xunta de Galicia activou o Plan de Emerxencia pola saída de vía dun camión de transporte de mercadoría perigosa en Cal da Ortiga, Seixas, no municipio coruñés das Somozas.
A posición inestable do vehículo, xunto cunha pequena perda da carga que tentan controlar os equipos de emerxencias, así como a proximidade de regatos e vivendas obrigou a activar o Plan de Emerxencias por accidente de transporte de mercadoría perigosa implicado.
Así o comunicou o 112, que recomenda ademais evitar aproximarse á zona e seguir as indicacións das autoridades. Os medios e recursos que interveñen na zona están a buscar a maneira de retirar vehículo e carga nas mellores condicións de seguridade para a contorna e a cidadanía.
Segundo informan as autoridades, a carga componse de vultos con distintas substancias prexudiciais, sen concretar cales son. No lugar traballan os Bombeiros Eume, o GES de Ortigueira, a Garda Civil de Tráfico, técnicos de AXEGA de da Dirección Xeral de Emerxecias, e operarios dunha empresa de xestión de residuos.