Publicador de contidos

Publicador de contidos

A embaixada de Ucraína en Madrid recibe un paquete cun ollo dun animal dentro

A embaixada de Ucraína en Madrid recibe un paquete cun ollo dun animal dentro

Esta é a segunda carta ameazante que chega á legación diplomática en España 

G24.gal 02/12/2022 15:10 Última actualización 02/12/2022 18:26

A embaixada de Ucraína en Madrid recibiu este venres un paquete manchado de sangue e cun ollo dun animal dentro, do mesmo xeito que outras legacións en diversos países europeos, informou este venres o Ministerio de Exteriores de Ucraína.

"A policía española acordoou o perímetro da embaixada por razóns de seguridade. Hai especialistas traballando sobre o terreo e estanse levando a cabo labores investigadores", declarou á axencia Ukrinform o portavoz do Ministerio de Exteriores ucraíno, Oleh Nikolenko.

Segundo outras fontes, a Policía Nacional non só estableceu un perímetro de seguridade, senón que incluso ordenou desaloxar a sede diplomática.

O franqueo estranxeiro do paquete e as súas características apuntan a que se trata dun dos envíos con restos de animais como os que recibiron outras delegacións ucraínas en varios países da UE.

Un representante do Ministerio informara con anterioridade de que representacións diplomáticas de Ucraína en Hungría, Polonia, Países Baixos, Italia e Croacia recibiron este venres paquetes con sangue e ollos de animais no seu interior.

Os propios envoltorios estaban impregnados cun líquido cunha cor e un cheiro característicos, agregou.

"Temos razóns para crer que existe unha campaña ben planificada de terror e intimidación contra as embaixadas e consulados de Ucraína. Incapaces de deter a Ucraína na fronte diplomática, téntannos intimidar", afirmou hoxe en referencia aos incidentes o ministro de Exteriores ucraíno, Dmytró Kuleba.

Esta semana un paquete explosivo feriu a un empregado da Embaixada de Ucraína en Madrid, mentres que a Presidencia do Goberno, o Ministerio de Defensa, a base militar de Torrexón de Ardoz e unha empresa de armamento de Zaragoza recibiron envíos similares.

Malia isto, o Goberno español non cre que xa necesario elevar o nivel de alerta antiterrorista, e descarta fallos de seguridade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade