Publicador de contidos

Publicador de contidos

Interceptan un sobre con material pirotécnico dirixido a Pedro Sánchez

Interceptan un sobre con material pirotécnico dirixido a Pedro Sánchez

A embaixada de Ucraína en Madrid, unha empresa de armamento de Zaragoza, a base aérea de Torrexón e a sede do Ministerio de Defensa recibiron sobres con material explosivo nas últimas 24 horas

G24.gal 01/12/2022 10:45 Última actualización 01/12/2022 12:21

A Policía Nacional ten contabilizados ata o momento polo menos cinco paquetes con substancias explosivas enviados nos últimos días entre outros ao presidente do Goberno Pedro Sánchez, Ao Ministerio de Defensa ou á Embaixada de Ucraína en Madrid.  

Este foi o primeiro paquete do que se tivo noticia, despois de que lle estalase a un traballador da legación diplomática ao mediodía do mércores, provocándolle feridas leves nas mans, ao abrilo no patio do edificio tras parecerlle sospeitoso. O sobre ía dirixido ao embaixador ucraíno en Madrid e contiña material pirotécnico no seu interior.

Tras coñecerse o suceso, o Xulgado Central de Instrución Número 4 da Audiencia Nacional asumiu a investigación. Horas máis tarde, a empresa de armamento Instalaza detectou na súa sede de Zaragoza outro paquete sospeitoso, de características similares ao recibido na Embaixada ucraína.

Neste caso, os TEDAX procederon a realizar unha explosión controlada do artefacto sen que se producisen feridos. Dáse a circunstancia de que esta empresa fabrica os lanzagranadas que o Goberno enviou a Ucraína para axudarlle na súa defensa fronte á invasión rusa.

Na madrugada deste xoves, os sistemas de seguridade da Base Aérea de Torrexón de Ardoz detectaron un terceiro sobre sospeitoso no edificio de satélites que podería conter no seu interior algún tipo de mecanismo, segundo informaron fontes policiais.

Efectivos tanto da Policía Nacional como da Garda Civil desprazáronse ata a base para asegurar a zona, e os investigadores da policía están xa analizando o sobre.

O cuarto paquete coñecido foi o dirixido ao presidente do Goberno, aínda que foi interceptado o pasado xoves 24 de novembro. Segundo informou o Ministerio do Interior, foi esta mañá cando os feitos foron postos en coñecemento do titular do Xulgado de Instrución Número 4 da Audiencia Nacional, o mesmo que investiga o ocorrido na Embaixada.  

O Departamento de Seguridade activou os protocolos pertinentes ao detectar o sobre dirixido a Sánchez e, tras asegurar a zona, procedeu á deflagración controlada do sobre. Ás expensas dos resultados definitivos das análises que se están realizando, o sobre podería conter unha substancia similar á que se utiliza nos artefactos pirotécnicos.

Por último, fontes do Ministerio de Defensa confirmaron aos servizos de seguridade que detectaron esta mañá o que sería o quinto paquete explosivo nos últimos días.  Foi na sede central, en Paseo da Castelllana 109, e ata alí se desprazaron os TEDAX. Polo momento, non se coñecen máis detalles, máis aló de que se adoptaron todas as medidas de seguridade.

Confirmouse que todos os sobres, agás o dirixido a Sánchez, tiña a mesma letra nas direccións, escritas con bolígrafo e en maiúscula. As autoridades barallan como hipóteses que esas catro foron enviadas pola mesma persoa a entidades relacionadas dunha maneira ou outra coa guerra de Ucraína.

A  Secretaría de Estado de Seguridade do Ministerio do Interior ordenou á Policía Nacional e á Garda Civil que extremasen as medidas de protección das administracións e edificios públicos, especialmente no referente aos controis sobre os envíos postais.  

Por mor destes feitos, a Policía Nacional realiza unha investigación reservada que está a dirixir a Comisaría Xeral de Información e no marco da cal se están realizando as pescudas e análises pertinentes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos