Publicador de contidos

Publicador de contidos

Acordo para instalar un muro antidróns na UE, pero sen avances no financiamento para Ucraína

Acordo para instalar un muro antidróns na UE, pero sen avances no financiamento para Ucraína

 Os líderes da Unión Europea esbozaron en Copenhague un sistema común de protección para interceptar as ameazas procedentes de Moscova

A oposición de Bélxica dificulta a concesión dun préstamo de reparación a Ucraína por valor de 140.000 millóns de euros procedente dos activos rusos inmobilizados na UE 

A presidenta do Consello Europeo Ursula von der Leyen, o presidente do Consello Europeo Antonio Costa e a primeira ministra danesa Mette Frederiksen asisten a unha conferencia de prensa durante o cumio informal de xefes de Estado e de Goberno da UE en Copenhague (Ritzau Scanpix / Ida Marie Odgaard vía REUTERS) A presidenta do Consello Europeo Ursula von der Leyen, o presidente do Consello Europeo Antonio Costa e a primeira ministra danesa Mette Frederiksen asisten a unha conferencia de prensa durante o cumio informal de xefes de Estado e de Goberno da UE en Copenhague (Ritzau Scanpix / Ida Marie Odgaard vía REUTERS)
G24.gal 02/10/2025 08:34

Os líderes da Unión Europea (UE) esbozaron este mércores un sistema común antidróns para interceptar as ameazas procedentes de Moscova. Fixérono nun cumio informal en Copenhague, onde non lograron avanzar na creación dunha nova vía para financiar a Ucraína mediante o uso de activos rusos bloqueados.

A resposta ás ameazas híbridas de  Rusia e o mantemento do apoio a Kíiv centraron as conversas coa intención de achandar o camiño cara ao cumio formal de finais de outubro en Bruxelas.

Muro antidróns e blindaxe do flanco leste 

Os Vinte e sete abordaron na reunión a creación dun muro antidróns para detectar, seguir e interceptar vehículos aéreos non tripulados procedentes de Rusia e desenvolver a estratexia Vixilancia do Flanco Oriental, que prevé reforzar as capacidades de defensa terrestre, marítima ou do ciberespazo.

Preténdese darlle  un enfoque de 360 graos, co obxectivo de cubrir máis zonas xeográficas e chegar ata o sur do continente, atendendo así ás preocupacións expresadas por España e Italia.

Sen avances no financiamento para Ucraína ou a súa adhesión á UE

Os Estados membros tamén discutiron hoxe unha proposta do Executivo comunitario para conceder un préstamo de reparación a Ucraína por valor de 140.000 millóns de euros, financiado co efectivo que xeran os activos rusos inmobilizados na UE polas sancións. Serviría para custear a súa defensa ou necesidades orzamentarias.

A alta representante da Unión para Asuntos Exteriores Kaja Kallas xa advertiu antes da reunión que non todos os Estados membros están de acordo con este proxecto, polo que aínda queda moito traballo por facer.

O principal escollo para esta proposta é Bélxica, onde ten a súa sede o Euroclear, a entidade financeira que posúe gran parte dos activos rusos conxelados polas sancións na UE, que expuxo xa varias preocupacións legais e técnicas sobre a proposta.

Tampouco se progresou para un futuro proceso de adhesión de Ucraína á UE, unha opción que require do apoio unánime dos Estados membros e continúa bloqueando Hungría, o principal aliado de Rusia dentro do club comunitario.

A UE busca fórmulas legais para sortear o veto húngaro, entre elas a exposta hoxe por Costa de optar pola maioría cualificada para abrir procesos de adhesión, unha opción que foi tamén rexeitada polo primeiro ministro dese país Viktor Orbán.

Todas estas cuestións volverán poñerse sobre a mesa no cumio formal previsto para os próximos días 23 e 24 en Bruxelas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade