Publicador de contidos

Publicador de contidos

Israel aborda varios barcos da flotilla preto de Gaza e detén os tripulantes

Israel aborda varios barcos da flotilla preto de Gaza e detén os tripulantes

 O Alma, que lidera a misión, e o Sirius, no que viaxan, entre outros, Ada Colau ou a activista galega Sandra Garrido, e o xornalista Néstor Prieto foron os primeiro barcos intervidos

Israel amosa imaxes de Greta Thunberg antes do seu traslado 

directo Membros da flotilla levantan cos brazos en alto cando os interceptan as forzas israelís. Reuters
G24.gal 01/10/2025 20:08 Última actualización 01/10/2025 23:43

A Armada israelí comezou a interceptar este mércores en augas internacionais os barcos da Global Sumud Flotilla, composta por máis de 40 navíos e 500 voluntarios, a unhas 80 millas (128 quilómetros) da costa de Gaza, a onde tentaban chegar para romper o bloqueo e levar axuda humanitaria.

O Ministerio de Exteriores israelí informou de que varios barcos da Flotilla Global Sumud foron "detidos sen problema" e que os seus pasaxeiros están sendo trasladados a un porto israelí.

"Greta (Thunberg) e os seus amigos están sans e salvos", engadiu nunha mensaxe publicada na súa conta de X sobre a coñecida activista sueca, integrante da misión.

 

 

A mesma flotilla advertira pouco antes da súa intercepción da presenza de máis de 20 buques "non identificados" no seu radar.

O primeiro barco interceptado foi o Alma, un dos principais da misión e onde viaxaba Thunberg, segundo explicou a EFE Néstor Prieto, colaborador do portal Descifrando la Guerra, que navegaba nunha das embarcacións, ata que, minutos despois, foi detido.

Todos os barcos da Flotilla foron rodeados polos buques israelís e os seus ocupantes serán trasladados a Israel para a súa posterior expulsión, avanzou o ministro de Defensa italiano, Guido Crosetto.

O Ministerio de Exteriores israelí informou de que a Armada contactara coas embarcacións da flotilla e lles pediu que desviasen o rumbo que levaban en dirección á Franxa.

As contas de tripulantes da flotilla difundiron vídeos e mensaxes pregravados anunciando a súa detención: "Se estás vendo este vídeo é porque Israel nos detivo ilegalmente", constaba na alerta da exalcaldesa de Barcelona Ada Colau.

Tamén Descifrando la Guerra denunciou a detención de Prieto, que —dixo— "supón un atentado contra a liberdade de prensa" e contra "o medio acreditado na expedición".

A líder do partido portugués Bloco de Esquerda, Mariana Mortágua, e a actriz Sofia Aparício, foron tamén detidas por Israel, informou este mércores a irmá da política, Joana Mortágua.

España creou unha unidade de seguimento permanente sobre a situación da Global Sumud Flotilla, interceptada esta tarde pola Armada israelí en augas do Mediterráneo e na que viaxan varios activistas españois.

Posteriormente, o ministro de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, José Manuel Albares, afirmou que a integridade física e os dereitos dos activistas españois que viaxan na Global Sumud Flotilla deben ser respectados.

Pola súa banda, Francia instou Israel a garantir a seguridade dos integrantes das embarcacións da Flotilla, así como a súa seguridade consular e o seu regreso "o antes posible".

Reporteiros Sen Fronteiras (RSF) España esixiu ao Goberno israelí respectar o labor dos xornalistas que viaxan na flotilla e urxiu a garantir a integridade de todos os seus pasaxeiros e tripulación.

As principais cidades de Italia, como Roma, Milán (norte) ou Nápoles (sur), rexistraron protestas pola intercepción, e o principal sindicato do país, a CGIL, convocou unha folga xeral para este venres polo que considera "unha agresión contra naves de civís que levaban cidadáns italianos".

 

Manifestación de apoio á flotilla e a Gaza en Roma. REUTERS/Yara Nardi Manifestación de apoio á flotilla e a Gaza en Roma. REUTERS/Yara Nardi

En virtude da lei israelí, unha vez que os pasaxeiros sexan detidos poden ser deportados 72 horas despois da emisión da orde, a menos que a persoa acepte voluntariamente ser expulsada, como pasou con catro dos doce activistas a bordo do Madleen; a última embarcación interceptada por Israel o pasado xuño.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade