Tres irmáns asasinados tras endebedarse cunha estafa amorosa
Os veciños deron a voz de alarma ante a súa prolongada ausencia
Un axuste de contas por débedas, principal hipótese
Foron os seus propios veciños os que deron a voz de alarma a pasada fin de semana. Había máis dun mes que non vían a Ángeles, Amelia e Pepe.
"Aquí todos imos ao mesmo supermercado, á mesma panadería. E cando ven que non aparecen, e ademais tres irmáns, pois tivemos a preocupación", conta Fernando Villalaín, alcalde de Morata de Tajuña.
"Vin aquí á casa e estaba todo normal. Chamamos aos teléfonos e estaban todos apagados", explicaba un veciño".
Ante a falta de noticias, axentes da Garda Civil entraron na vivenda. Os corpos dos 3 irmáns, de entre 68 e 72 anos, estaban amoreados e presentaban queimaduras. A principal hipótese é un axuste de contas por débedas.
Tras vender un piso en Madrid, os irmáns levaban anos pedíndolles cartos aos seus veciños.
"Pedíronlle a un montón de xente de Morata, creo que ninguén lles deixou diñeiro, porque ninguén deixa 30 ou 40.000 euros así como así", relataba un dos veciños.
Na localidade, sospeitan que a necesidade de cartos estaba relacionada cunha estafa amorosa en que as dúas mulleres caeran hai 7 anos con dous supostos militares destinados en Afganistán.