Aceptan once anos e medio de cárcere polo homicidio do praceiro de Santiago
Os dous acusados recoñeceron os feitos e chegaron a un acordo antes da celebración do xuízo
A Fiscalía pedía para cada un deles 14 anos de prisión e outros 2 anos por lesións ao vixiante do mercado compostelán
Os dous homes que ían ser xulgados desde este luns polo homicidio dun praceiro de Santiago en novembro de 2024 recoñeceron os feitos e acordaron cumprir unha pena de once anos e medio de cadea. Ademais, estarán cinco anos en liberdade vixiada e abonarán 580.000 euros aos familiares das vítimas en concepto de responsabilidade civil.
Así se tira do acordo de conformidade ao que chegaron esta mañá e que evitou a celebración do xuízo na sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña.
O acordo rebaixa a pena de prisión que pedía a Fiscalía, que ascendía a 14 anos de prisión para cada procesado polo delito de homicidio ao que se lle sumaban outros 2 anos por lesións ao vixiante do mercado compostelán.
Un crime que conmocionou a cidade
Os feitos sucederon o 12 de novembro de 2024, sobre as 04:30 horas da madrugada, na praza de abastos. Os dous acusados comezaron unha discusión co propietario da carnicería no interior da praza e forcexaron coa vítima e co vixiante de seguridade.
Durante a pelexa, a vítima fíxose cun utensilio de limpeza para defenderse. Un dos acusados arrebatoullo e golpeou a ambos con el. O carniceiro faleceu no acto; o vixilante sufriu varias lesións.
Despois do ocorrido, os dous procesados tentaron fuxir pero foron detidos horas despois e permanecen en prisión provisional desde entón.