Accións vandálicas en Marín deixan 7 colectores queimados de madrugada
Prenderon lume en tres grupos de colectores de lixo da rúa Jaime Janer contra as dúas da mañá
Os incendios tamén danaron fachadas de edificios próximos
Os transeúntes da rúa Jaime Janer de Marín encontráronse esta mañá cos restos de tres incendios de colectores de lixo. A súa pegada era esta, coa beirarrúa e a calzada danadas e os edicios de arredor danados. María José viviuno e mesmo rexistrou o que pasaba na beirarrúa baixo o edificio en que reside.
María José Infante gravou imaxes despois de dar alerta do incendio e conta: "Arredor das dúas e media da mañá percibín o cheiro a queimado. Asomeime á ventá e vin o incendio. Chamei o 112 e dixéronme que ían activar as alarmas".
Ao lugar desprazáronse efectivos da Policía Local e da Nacional e dos bombeiros. Uns douscentos metros rúa arriba tiña lugar outro sinistro similar. Un dos moitos grupos de 4 colectores dos distintos tipos de residuos quedaba arrasado por outro incendio. Neste caso lapas e fume tamén afectaron o edificio máis próximo. Un operario da panadería do lado viviu de preto o sinistro, como nos conta a dona do negocio.
"Pola ventá viu unha lapa moi grande e achegouse aquí, e viu que estaban ardendo e cando empezou a traballar xa viñeron os bombeiros", di Claudia Sánchez, propietaria da panadería Rías Baixas.
Sete colectores e o seu contido queimados, danos considerables polo lume e o fume na vía pública e tamén nas fachadas, cristaleiras e persianas dos edificios próximos son os danos visibles dos incendiarios.
"Afectou Internet, porque se queimaron os cables. Esta mañá chamei a compañía e dixéronme que ían vir arranxalo", precisa a testemuña dun dos incendios.
A Policía Local investiga os feitos, mentres veciños de vila de Marín ao ver isto lembran que recentemente foi un coche o que apareceu ardendo preto de aquí, e hai aproximadamente un mes, en Canto de Areas, tamén preto, foron dous os coches queimados.