Ferido de gravidade un motorista nun accidente de tráfico en Vilagarcía
O condutor da moto sufriu un violento choque contra un turismo nun cruzamento que lle provocou un traumatismo cranioencefálico
Aínda estaban moi visibles esta mañá no lugar exacto do accidente os restos do impacto que rematou cun home de 57 anos en estado moi grave no hospital de Santiago tras ser golpeado por un turismo.
O suceso tivo lugar pasadas as oito da tarde ao caer a noite. O motorista saíu despedido uns metros pola calzada e o seu casco apareceu nun terreo lindeiro con esta estrada de Vilanova. Coa caída sufriu un forte traumatismo na cabeza; foi atendido nun primeiro momento por Emerxencias ata a chegada da ambulancia medicalizada.
Axentes da Policía Local regularon durante toda a actuación o tráfico, que sufriu, iso si, importantes atascos debido a que se trata dunha vía moi transitada na zona.