'A terra do ouro branco' chega ao Gaiás con fortes medidas de seguridade
A organización tomou a decisión motivada por unha banda de ladróns que anda solta
Os responsables da exposición do Gaiás A terra do ouro branco implementan fortes medidas de seguridade para protexer a exposición. A causa destas accións débese á presenza nas rúas dunha banda.
A exposición ten na parte final os dous tesouros que son os máis importantes de Europa. Amósase a réplica do Villena que por desgracia foi roubado para fundir e xa quizais non existe. E despois a réplica do noso, o de Caldas. Porque esta exposición quere ser tamén unha reflexión sobre estes fenómenos dos roubos polos museos de Europa que están a poñer en risco importantes tesouros arqueolóxicos.
O peso da ourivería na cultura galega actual, simbolizada nunha peza de Baiuca, acompaña a entrada a unha mostra que invita a transitar entre o mito e o misterio. Descóbrenos que fomos o mellor territorio aurífero de Europa. "A terra do ouro branco", dicía Estrabón, porque aquí o mineral nace xusto coa perfecta aliaxe coa prata da que resultan os 18 quilates. Este ouro que batearon as aureanas nos praceres do Sil, ata hai case nada, do o que os ourives facían beleza e filigrana, de castro en castro, volve facerse presente coma un tesouro.
"A relación do home e o ouro en Galicia ten unha historia de 4.500 anos. O que procuramos nesta exposición e amosar a importancia da nosa ourivería. E temos pezas como os dous torques do museo británico cuxa procedencia se atribúe á provincia de Ourense. Tamén está o casco de Leiro, o torques de Burela...", explica Xosé Lois Armada Pita, o comisario da exposición.
Toda esta riqueza que bebe en nós levaba tempo preparándose para a exposición cando entra en acción unha banda de ladróns que só quere o seu ouro para fundilo.
"Optamos por reducir o número de pezas, nalgúns casos empregar réplicas e reforzar as medidas de seguridade. E de paso que serva para reflexionar sobre o feito de que se todo isto chegou aos nosos días é porque houbo persoas que valoraron estes achados, máis aló do prezo material da materia prima", di Xosé Lois Armada Pita, o comisario da exposición".