Abre o Museo Diocesano de Santiago, "un espazo vivo e lugar para o encontro "
Santiago amplía a súa oferta cultural coa inauguración do Museo Diocesano no antigo mosteiro de San Martiño Pinario, a carón da Catedral. O museo acollerá exposicións permamentes e temporais para conservar, investigar e difundir o rico patrimonio histórico-artístico da Igrexa compostelá e poderá visitarse de luns a sábados, con entradas combinadas co Museo da Catedral e co Museo da Colexiata de Sar.
O percorrido pola mostra arranca con representacións do Apóstolo Santiago ao longo dos séculos, segue con pezas relixiosas procedentes da Catedral e de varias igrexas da cidade ata rematar nunha das xoias do barroco galego, que é o retablo maior de San Martiño Pinario. Á inauguración este xoves asistiron o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o arcebispo de Santiago, Francisco Prieto.
"Desexamos que este museo sexa un lugar vivo, para o estudo e a investigación, para a educación dos mozos e mozas, un lugar de encontro para crentes e non crentes, onde o peregrino poida comprender mellor a terra que pisa e onde o cidadán descubra que a súa historia está tecida de fe, de cultura e de humanidade", afirmou o arcebispo de Santiago.
Na súa intervención, o presidente da Xunta destacou que o Museo Diocesano reforza Santiago como referente do turismo cultural e espiritual e salientou o momento en que se produce a apertura deste espazo, co Camiño batendo marcas na chegada de peregrinos. Alfonso Rueda dixo que o Goberno galego xa traballa na preparación do Ano Santo 2027, co obxectivo de que sexa "un motor para toda Galicia, baixo un modelo respectuoso, fiel, sostible e que entenda o que é o espírito da peregrinación".