Abre este luns o prazo para formalizar a matrícula nas escolas infantís da Xunta
A documentación pode presentarse ata o 13 de xuño na sede electrónica ou nos centros onde se obtivo a praza

A Xunta abre este luns o prazo para que as familias poidan formalizar a matrícula do curso 2025-2026 nas escolas infantís da rede pública autonómica. Segundo adianta o Goberno galego nunha nota de prensa, a documentación pode presentarse ata o 13 de xuño.
En concreto, as familias deben presentar o impreso de matrícula cos datos cubertos xunto coa copia da cartilla de vacinación do menor, un trámite que poderá realizarse a través da sede electrónica da Xunta ou no centro no que se obtivo a praza.
Deste xeito, o executivo galego salienta que, unha vez iniciadas as matriculacións, as listaxes de agarda iranse modificando e depurando, para realizar logo novos chamamentos para prazas vacantes.
Hai que ter en conta a duplicidade de solicitudes, xa que haberá familias que figuren en varias listas de diferentes escolas e tamén doutras Administracións e entidades. Con todo, o inicio do curso nos centros de 0 a 3 anos está fixado para o día 5 de setembro.
Neste contexto, a Xunta lembra que será o cuarto ano consecutivo no que a atención educativa nesta franxa sexa gratuíta en todas as escolas infantís de Galicia, tanto nas públicas coma nas privadas e nas de iniciativa social.