Publicador de contidos

Publicador de contidos

Abraham Cupeiro estreará nas San Lucas un espectáculo creado para a catedral de Mondoñedo

Abraham Cupeiro estreará nas San Lucas un espectáculo creado para a catedral de Mondoñedo

Os vídeos dos ensaios que o músico compartiu en redes levan máis de dous millóns de visualizacións

Artistas como Annie Lennox e Spike Lee amosáronse entusiasmados co anticipo de 'O latexo das Catedrais'

G24.gal 08/10/2026 20:37

Abraham Cupeiro ultima un espectáculo creado para a Catedral de Mondoñedo e que se estreará nas San Lucas, con dous pases o 18 de outubro.

O músico de Sarria aceptou a petición da organización das festas e amósase entusiasmado co concerto e co escenario no que se vai desenvolver.

Para Abrahan Cupeiro, a Catedral de Mondoñedo é un templo pensado para facer música, no que colocaron as pedras de tal xeito que xa ten unha sonoridade perfecta, "só hai que adaptar a música a ela". Para iso xa foi en máis de sete ocasións para ensaiar e ver os rexistros do órgano, preparando o espectáculo no que estará acompañado por Sabela Caamaño, Davide Salvado ou Matthew Ward. 

Haberá pezas novas compostas para a ocasión e outras inspiradas en Cunqueiro.

"Creo que en Mondoñedo conflúen unha sorte de emocións telúricas que imos intentar agromar neste concerto do día 18".

Un espectáculo que será un encontro entre o culto e o popular

"Imos facer un canto de seifa portuguesa, un canto de arrieiro galego con órgano ao mesmo tempo. É algo que nunca se fixo, sobre todo nun templo deste tipo. Creo que é un encontro entre o culto e o popular, entre o académico e o tradicional".

Os ensaios, aplaudidos por Spike Lee ou Anni Lennox

O adianto de 'O latexo das Catedrais' está a xerar moita expectación en redes sociais con máis de dous millóns de visualizacións entre os tres vídeos que compartiu, o último hai poucos días.

"O que menos podiamos esperar, ou si, porque eu son tan apaixonado da miña terra, de que chegara tan lonxe. Sobre todo que tivera tantísimas visualizacións e que figuras como Spike Lee ou Annie Lennox se fixen na túa música e sobre todo no noso patrimonio, que é algo que min polo menos, éncheme de orgullo".

​​​'O latexo das catedrais' preséntase o día das San Lucas, coas entradas esgotadas dende hai meses.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade