Abraham Cupeiro e a Sinfónica de Galicia actuarán xuntos o 29 de xaneiro no Coliseum
'Mythos, unha viaxe ás estrelas', terá na Coruña a súa única data en España; a música ancestral, a interpretación sinfónica e as novas tecnoloxías integraranse nunha posta en escena inédita
Haberá dúas sesións matinais para público escolar e o concerto da tarde para público xeral, polo que se estima que, en conxunto, o espectáculo poida alcanzar os 16.000 espectadores
Abraham Cupeiro e a Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) levarán o seu espectáculo 'Mythos, unha viaxe ás estrelas' ao Coliseum da Coruña o próximo 29 de xaneiro de 2027.
Cupeiro participou este xoves na presentación desta actuación, nun acto no que tamén estiveron presentes o xerente da OSG, Juan Antonio Cuéllar; o concelleiro de Cultura, Gonzalo Castro; e o director do Coliseum, Francisco Javier Rodríguez Díaz.
Esta produción, que terá na Coruña a súa única data en España con esta montaxe, está concibida como un espectáculo de gran formato no que a música ancestral, a interpretación sinfónica e as novas tecnoloxías integraranse nunha posta en escena inédita.
'Mythos' ofrecerá o 29 de xaneiro tres concertos, dúas sesións matinais dirixidas a público escolar e o concerto da tarde para público xeral, polo que se estima que, en conxunto, o espectáculo poida alcanzar os 16.000 espectadores nunha única xornada.
Un percorrido polas grandes mitoloxías universais
A cita propón un percorrido sensorial polas grandes mitoloxías universais -Grecia, Roma, Persia, India e o mundo celta- a través dos instrumentos que Abraham Cupeiro dedicou boa parte da súa traxectoria para investigar, reconstruír e recuperar.
O músico galego dará vida sobre o escenario a instrumentos que permaneceron durante séculos en silencio, como o Karnyx, a trompeta celta da Idade de Ferro; o Cornu, a trompa romana utilizada polas lexións; ou o Aulos, a frauta dobre da Antiga Grecia, uns sons que se atoparán coa Orquestra Sinfónica de Galicia.
Ademais, o deseño de luces, as imaxes e os diferentes elementos audiovisuais interactuarán coa narrativa das composicións para crear unha atmosfera inmersiva e transportar ao público aos diferentes universos culturais que percorre 'Mythos'.
A colaboración entre Cupeiro e a OSG verase ademais reforzada cunha versión estendida do repertorio de 'Mythos', incorporando dous temas inéditos que non formaron parte da gravación do disco e que se escoitarán por primeira vez en directo no Coliseum da Coruña o próximo mes de xaneiro.
As entradas para este espectáculo xa están á venda.