Publicador de contidos

Publicador de contidos

A zona histórica de Santiago non terá novas tendas de recordos nin negocios automatizados

A zona histórica de Santiago non terá novas tendas de recordos nin negocios automatizados

O obxectivo da modificación do plan da cidade histórica é "manter a función residencial" e os servizos para os residentes

O concelleiro Iago Lestegás explicou que se eliminará a imposibilidade de converter locais comerciais en vivenda en San Roque e nos Basquiños

O obxectivo é tratar de manter a función residencial e os servizos aos residentes O obxectivo é tratar de manter a función residencial e os servizos aos residentes
G24.gal 18/06/2025 16:41

O concelleiro de Urbanismo de Santiago, Iago Lestegás, detallou a modificación do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica.

Nela inclúese, ademais da limitación da apertura de novas tendas de recordos e de negocios automatizados como tendas 24 horas, a prohibición de apertura de novos establecementos de xogo como casinos, salas de bingo ou casas de apostas.

O obxectivo é tratar de manter a función residencial e os servizos aos residentes que vivan na zona histórica da capital galega.

O edil explicou que se comezou a definir unha nova regulación de usos con cinco obxectivos: conter a tendencia de especialización do comercio en actividades orientadas ao turismo; identificar os eixes e zonas onde é necesario manter o uso comercial en plantas baixas; dar prioridade a implantación dos comercios de proximidade que atenden ás necesidades cotiás; protexer os comercios históricos.

Trátase dunha regulación de usos, expuxo Lestegás, "moi pormenorizada" froito dun estudo desde o punto de vista urbanístico.

"Abordamos unha das dimensións da problemática, a urbanística; pero detrás da crise do comercio de proximidade hai moitas causas", recoñeceu.

No ámbito de usos condicionados, inclúense establecementos de lecer nocturno que agora deberán presentar un estudo de repercusión que avalíe os efectos do uso que pretenden, así como un proxecto de medidas correctoras no que expliquen como se vai facer para protexer o uso residencial.

Vivendas

En canto ás vivendas, o responsable de Urbanismo explicou que con esta modificación eliminarase a imposibilidade de converter locais comerciais en vivenda en San Roque e nos Basquiños.

En zonas como a rúa de San Pedro, O Pombal, A Carreira do Conde ou As Galeras non se poderá implantar vivenda en planta baixa.

Para dividir ou agrupar vivendas requírense dúas condicións: que os inmobles resultantes deben ter o programa mínimo e a condición de vivenda exterior e que a división ou agrupación non altere a estrutura parcelaria protexida nin os elementos catalogados.

En canto ao programa mínimo, refírese a que teña estancia, cociña, baño, lavadoiro, tendal e almacén, e unha superficie mínima de 40 metros cadrados útiles, excepto na rehabilitación de vivendas existentes.

Liña de axudas

Iago Lestegás explicou que se están a coordinar co Consorcio para tratar de recuperar unha liña de axudas dirixida a comercios que categorizarán como emblemáticos e que teñen un valor sociocultural na zona, polo que "dan un valor engadido á cidade".

Segundo manifestou Lestegás, está previsto que esta modificación se publique no Diario Oficial de Galicia (DOG) o venres. Despois haberá un período de exposición pública dun mes e notificarase a todos os titulares catastrais.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade