A Xunta transferiu máis de 900.000 euros a propietarios de casas afectadas polos incendios
As axudas chegan a 902.996 euros e xa beneficiaron familias en Ourense e Lugo
As achegas poden chegar a case 150.000 euros para vivendas habituais

A Xunta de Galicia leva transferidos 902.996 euros en axudas para os propietarios de vivendas afectadas polos incendios forestais deste verán, segundo informou este martes a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue.
A titular de Vivenda, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e a directora territorial da Consellería, Pilar Fernández, desprazouse a San Vicente de Leira, en Vilamartín de Valdeorras (Ourense), onde se entregaron axudas a sete familias damnificadas.
Allegue subliñou que a Xunta está axilizando a tramitación e resolución das axudas, tal e como se comprometeu coas persoas afectadas nas visitas realizadas ás zonas nas últimas semanas.
Axudas en Valdeorras e Quiroga
Posteriormente, a conselleira visitou o municipio de Quiroga, onde indicou que o Goberno galego xa concedeu dúas axudas a veciños afectados polo incendio para que poidan comezar a recuperar os seus fogares.
Recordou que as achegas da Xunta poden chegar a case 150.000 euros no caso de vivendas habituais, pois aos 132.000 euros para a rehabilitación do inmoble engádense outros 16.200 euros para a compra de enxoval doméstico. Nas segundas residencias, as axudas son de ata 66.000 euros para rehabilitación e 5.400 para enxoval.
A Xunta ten habilitadas 16 oficinas para resolver dúbidas e axudar na presentación das solicitudes, aínda que as persoas afectadas tamén poden acudir a calquera oficina do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) ou aos seus respectivos concellos.