Recomendacións para facer fronte á onda de calor en Galicia
As zonas isoclimáticas do suroeste da Coruña e do litoral de Pontevedra están en nivel laranxa e o Miño de Ourense queda en nivel amarelo
Suspéndese toda actividade deportiva federada no exterior en concellos das Rías Baixas e do interior de Pontevedra, así como do suroeste da Coruña e de Valdeorras

O Plan de actuacións da Xunta de Galicia fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde sitúa en nivel vermello os concellos das zonas isoclimáticas do Miño de Pontevedra e de Valdeorras, en Ourense.
Os concellos das Rías Baixas, que se corresponden coas zonas isoclimáticas do suroeste da Coruña e do litoral de Pontevedra, están en nivel laranxa. Pola súa parte, en nivel 1 ou amarelo quedan a zona do Miño de Ourense, sur de Ourense e montaña de Ourense.
MeteoGalicia informa de que calma o vento do nordés e soben as temperaturas no centro e no sur da comunidade.
Suspensión da actividade deportiva federada no exterior
No caso do deporte, a Xunta, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, determinou a suspensión da actividade deportiva federada no exterior por mor da alerta por episodio de calor en concellos das Rías Baixas e do interior de Pontevedra, así como do suroeste da provincia da Coruña e de Valdeorras.
Recomendacións xerais para a poboación
A Consellería de Sanidade lembra os principais consellos e recomendacións que debe seguir a poboación. Entre eles recomendan beber máis líquidos sen esperar a ter sede; aumentar o consumo de ensaladas, verduras e froitas; evitar comidas copiosas; usar roupa de tecidos naturais, lixeira e folgada; permanecer en espazos ventilados ou acondicionados e estar á sombra; durante o día baixar as persianas e abrir as xanelas, e abrilas pola noite para ventilar; evitar as actividades ao aire libre nas horas de máis calor e reducir a actividade física.
No caso de sufrir esgotamento ou un golpe de calor, recoméndase solicitar axuda médica urxente chamando ao 061.