Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta require máis documentación sobre a solicitude de zona tensionada da Coruña

A Xunta require máis documentación sobre a solicitude de zona tensionada da Coruña

O Concello acordaba solicitar a declaración de zona tensionada a inicios de mes e remitía a documentación á Xunta

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, afirmou que precisan información adicional e "aclaracións pertinentes" para valorar a solicitude

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue. EFE/Kiko Delgado A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue. EFE/Kiko Delgado
G24.gal 22/04/2025 13:25

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, explicou este martes que a Xunta requiriu ao Concello da Coruña máis documentación sobre a solicitude de zona tensionada e asegurou que "non se trata de ningún obstáculo", senón de que se cumpra cos requisitos para esa declaración de elevados prezos.

Nunha visita a unhas obras en Vigo, Martínez Allegue sinalou que os técnicos do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), un órgano dependente da Xunta, analizaron a solicitude da Coruña nun prazo breve.

Este luns o seu departamento remitiu o requirimento ao Concello, "documentación adicional e aclaracións que son pertinentes", dixo.

Unha vez que a Xunta teña a "documentación completa" cos erros emendados, os técnicos "seguirán analizándoa", afirmou a conselleira.

Martínez Allegue dixo que "non se trata de ningún obstáculo", senón de que a documentación que "se corresponda coa normativa establecida".

O pasado 4 de abril, a Xunta de Goberno local da Coruña acordou enviar á Xunta a solicitude para que a cidade sexa declarada zona residencial tensionada polo elevado prezo da vivenda en compra ou alugueiro.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, explicou entón que tomaba esta decisión porque "o dereito de acceso á vivenda está a ser vulnerado con custos desorbitados e unha diminución da bolsa de inmobles dispoñibles en réxime de alugueiro".

O Concello da Coruña dixo o ano pasado que realizara unha petición á Xunta, pero esta alegou que carecía dos detalles técnicos suficientes.

Inés Rey, alcaldesa da Coruña, di que o requirimento "non chegou oficialmente"

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, acusou a Xunta de "torpedear" as medidas que tentan rebaixar o prezo da vivenda. Rey sinalou que a petición da Xunta "non chegou oficialmente" e que soubo do requirimento "a través da prensa".

"Hai unha vontade absoluta do PP e da Xunta de torpedear calquera medida de apoio ás políticas de vivenda que se fagan desde os concellos", manifestou Rey, que tamén acusou o Goberno galego de "falta de lealdade institucional".

A rexedora expuxo que á Xunta "non lle preocupa o problema da vivenda" e afeou a súa "falta de compromiso cos cidadáns".

"O problema da vivenda debería estar á marxe da contenda política e de loitas partidistas", concluíu.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar