Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Coruña acorda solicitar a declaración de zona residencial tensionada á Xunta

A Coruña acorda solicitar a declaración de zona residencial tensionada á Xunta

Inés Rey, alcaldesa da Coruña, motiva esta decisión en que "o acceso á vivenda está sendo vulnerado con custos desorbitados"

O concelleiro de Urbanismo presenta un plan a 20 anos para aumentar a oferta de vivenda pública

G24.gal 04/04/2025 14:47

A Xunta de Goberno local da Coruña acordou enviar á Xunta a solicitude para que a cidade sexa declarada zona residencial tensionada polo alto prezo da vivenda.

A Lei polo Dereito á Vivenda establece que as zonas tensionadas poden ser aquelas en as que a carga media do custo da hipoteca ou do alugueiro no orzamento persoal ou da unidade de convivencia, mais os gastos e subministracións básicas, supere o 30 % dos ingresos medios ou da renda media dos fogares. Outro requirimento é que o prezo de compra ou alugueiro aumentara de forma notable nos últimos anos.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, explicou este venres en conferencia de prensa que se toma esta decisión porque "o dereito de acceso á vivenda está a ser vulnerado con custos desorbitados e unha diminución da bolsa de inmobles dispoñibles en réxime de alugueiro". Detallou que a principios da próxima semana o concello remitirá a documentación á Xunta, que terá seis meses para contestar.

Segundo informe do Concello, A Coruña cumpre os requisitos que marca a Lei de vivenda nun 50 % dos distritos e nun 70 % das seccións censuais.

O concelleiro de Urbanismo, Francisco Díaz Gallego, explicou que esta declaración vai acompañada de "medidas concretas" a 20 anos para ampliar a oferta de vivenda pública na cidade. O Concello da Coruña comprométese a construír 230 vivendas máis nos próximos 3 anos. A previsión é alcanzar as "13.024 vivendas públicas e protexidas" entre as municipais, da Xunta e do Estado en 20 anos.

Esta é a segunda vez que o concello presenta unha petición desta índole ante a Xunta, non obstante, a primeira foi denegada alegando a ausencia de detalles técnicos suficientes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade