A Xunta pídelle este mércores ao Goberno unha data para o funcionamento dos Avril
A transferencia da autoestrada AP-9, a reconstrución do viaduto da A-6 e o plan director do corredor atlántico son outras das demandas que a conselleira lle traslada ao Ministerio

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade Ethel Vázquez reunirase este mércores co secretario de Estado de Transportes David Lucas para trataren diferentes materias pendentes en infraestruturas de Galicia. Entre elas o atraso dos trens Avril, a transferencia da autoestrada AP-9, a reconstrución do viaduto da A-6 e o plan director do corredor atlántico.
A cita chega despois de que o pasado venres o propio secretario de Estado de Transportes informase dun novo atraso na chegada dos Avril. Segundo David lucas, Talgo trasladou ao Ministerio que comezará a entregar as primeiras unidades destes trens no mes de decembro. Así, a súa posta en funcionamento sufrirá unha nova demora, pois non será ata o primeiro trimestre de 2024.
Ethel Vázquez confirmou que lle vai pedir explicacións ao Goberno do Estado por este novo atraso que sofre a chegada dos trens Avril en Galicia e insistiu en que demandará un calendario concreto.
Un estudo realizado pola Xunta establece a necesidade de que Galicia dispoña de sete trens Avril que permitan cumprir os tempos de viaxe entre Madrid e as catro cidades que neste momento están en disposición de beneficiarse deste transporte, ademais das frecuencias apropiadas, que serían seis ao día.
Na xuntanza co Ministerio, a conselleira de Infraestruturas tamén vai trasladar a necesidade de que se recuperen en Galicia todos os servizos de tren prepandemia e que a alta velocidade chegue a Lugo e Ferrol.