Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta pídelle ao Goberno que amplíe o prazo para tramitar proxectos eólicos

A Xunta pídelle ao Goberno que amplíe o prazo para tramitar proxectos eólicos

O 25 de xaneiro remata o prazo para ter a declaración de impacto ambiental

A Xunta tramitou 92 proxectos eólicos e quedan 48 por avaliar

G24.gal 22/01/2023 14:26 Última actualización 22/01/2023 15:12

A Xunta está a xestionar 140 proxectos eólicos. Deles tramitáronse xa 92 declaracións de impacto ambiental, 66 favorables e 26 negativas. Quedan 48 proxectos pendentes de resolver, pero o prazo marcado polo Goberno central remata xa o mércores 25 de xaneiro. 

Desde a Xunta pediran en varias ocasións que se ampliasen os prazos para poder levar a cabo todas as tramitacións.

"Aquí xógase politicamente, hai unha competencia entre o Estado e as comunidades autónomas, nós igualmente pedimos un aprazamento porque o 20-25 % dos proxectos a nivel estatal están en Galicia, quere dicir que temos moitos máis proxectos que o resto de España. Estivemos coa secretaria de Enerxía, estivemos coa ministra e cremos que é probable que nos poidan dar un aprazamento deses tres meses a seis meses", di Manuel Pazo, presidente da Asociación Eólica Galega.

Desde a Asociación Eólica Galega defenden o modelo enerxético de desenvolvemento eólico, que consideran fundamental para as industrias electrointensivas.

"Nós importamos o 75 % da enerxía, polo que necesitamos enerxía para que as industrias estean aquí, se non vanse a outras comunidades (...). A eólica é unha enerxía que é fundamental. Estamos a ver esta semana que temos o prezo máis barato de toda Europa, é fundamental para Galicia, é fundamental para as industrias electrointensivas e para novas industrias", engade Manuel Pazo.

Entre os proxectos eólicos pendentes de tramitar hai algúns aos que se lles concederá prioridade pola súa relevancia industrial.

Os proxectos que carezan de declaración de impacto ambiental perderán o permiso de acceso e conexión á Rede Eléctrica Española.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar