A Xunta entrega o premio á excelencia académica a 434 universitarios
Son os mellores expedientes dos seus graos e o 63 % son mulleres
Os mellores expedientes dos graos que imparten as universidades galegas recolleron este mediodía o premio de excelencia académica. Nese acto, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, dixo que cómpre seguir axustando a formación universitaria ás necesidades do mercado laboral de Galicia.
A entrega de premios celebrouse no Pazo de Congresos de Santiago. Este ano recibiorn este recoñecemento 434 alumno, 63% deles mulleres. O reitor de Santiago, Antonio López, agradécelles o esforzo por devolverlle á sociedade o que se inviste na educación.
"O sistema universitario ten uns prezos públicos baixos, ademais doutras axudas, e iso conleva unha obriga, que é todos vós tedes que aproveitar esa oportunidade", dixo López.
O presidente Alfonso Rueda destacou o apoio da Xunta á universidade coa conxelación das taxas e falou dos retos da formación superior.
"Intentar a conexión entre os graos e o qeu faga falta para poder traballar. En Galicia fai falta talento e vós representades ese talento", asegurou o presidente.
Rueda lembrou que a Xunta dedica este ano case 500 millóns ao financiamento universitario, o maior orzamento ata agora.