A Xunta Electoral amplía o prazo para votar por correo ata o venres ás 2 da tarde

A Xunta Electoral Central (XEC) acordou ampliar o prazo de votación por correo ata este venres ás 14:00 horas, hora á que habitualmente pechan as oficinas de Correos.
A XEC tomou esta decisión na súa reunión deste xoves tras recibir a petición de Correos para que os electores que aínda non puideran recoller a documentación para votar por cambio de domicilio ou por algunha outra circunstancia tivesen marxe para poder facelo.
Na resolución, o órgano máximo de vixilancia do proceso electoral pide a Correos que extreme "a dilixencia para asegurar que os sobres co voto poden entregarse o día da votación nas respectivas mesas electorais, dentro dos prazos legalmente establecidos".
Neste punto, a entidade postal xa manifestara a súa disposición para asegurar esta entrega, ademais de urxir aos electores que aínda non foran a recoller a documentación electoral ás oficinas a que o fixesen canto antes.
E é que aínda hai preto de 170.000 documentacións que non foron recollidas.
Este venres Correos facilitará novamente datos provisionais.
A XEC engade que dará traslado do informe emitido por Correos aos partidos políticos interesados nesta ampliación de prazo, nos que se pon de relevo que a pesar de que se entregou xa toda a documentación electoral, aínda o 18 de xullo estaban pendentes de recollida polos electores un 9,07 % dos envíos realizados.
E destaca tamén que se produciu un número significativo de reexpedicións dos envíos de documentación electoral debido a que os electores cambiaron de domicilio por vacacións.
Os sindicatos CCOO e UXT aplaudiron esta ampliación dos prazos e mostráronse satisfeitos de que Correos poña "todos os medios necesarios ao dispor da cidadanía para facilitar o exercicio do dereito ao voto postal".