A Xunta e o Goberno analizan a planificación eléctrica, co proxecto de Altri de fondo
A conselleira de Industria, María Jesús Lorenzana, reúnese co secretario de Estado de Enerxía, Joan Groizard, para tratar as demandas galegas
Previsiblemente o Goberno trasladará á Xunta que Altri non vai contar coa subestación eléctrica que solicitaba

A conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, María Jesús Lorenzana, e o secretario de Estado de Enerxía, Joan Groizard; amais de responsables de Rede Eléctrica Española (REE), reúnense este martes en Madrid para abordar a proposta de planificación da rede de transporte de enerxía eléctrica para o período 2025-2030.
Lorenza asegurou antes da xuntanza que "Galicia se xoga o seu futuro industrial e enérxito nos próximos anos". "Hai moitos proxectos pendentes dunha conexión eléctrica", advertiu. "Agardamos que o secretario de Estado dea resposta as peticións da Xunta", dixo a conselleira, "xa que hai quince zonas que teñen escasa ou nula potencia eléctrica e precisan un reforozo para que se poidan asentar as industrias".
Desde Galicia, o Goberno da Xunta leva tempo insistindo na necesidade de reforzo da rede para garantir a subministración que precisan os proxectos industriais en marcha Galicia. O pasado febreiro, Lorenzana cifraba en 1.200 MW adicionais os que serían precisos para garantir a viabilidade deses proxectos.
Destecaba nese momento a responsable de Industria que nos próximos anos se ía asistir a un aumento da xeración renovable, que no caso galego chegaría principalmente con novos parques de enerxía eólica, incluída a mariña, e coa repotenciación doutros xa existentes, e que había que ter en conta a importancia de reforzar os nós de evacuación.
Altri non terá subestación
Está previsto que durante a xuntanza o Goberno lle confirme á Xunta que a factoría que Altri proxecta construír en Palas de Rei non vai contar coa subestación eléctrica que demandaba.
Segundo avanzaba este luns o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, Altri será excluída da planificación eléctrica 2025-30 ao non cumprir cos requisitos necesarios.
O anuncio foi moi criticado polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, quen afeou que fose Besteiro quen avanzase o anuncio, o que segundo el demostra que a decisión foi tomada por unha cuestión política e non técnica.
"Todos aqueles que dicían que se basearían en criterios técnicos e nada máis para tomar decisións demostraron que era mentira", dixo Rueda.