A Xunta dará unha axuda directa a Galivivenda para a construción de vivenda protexida en Xuxán
Se non se prorroga o prazo para as axudas dos fondos europeos, a viabilidade do proxecto complicaríase
O Goberno galego dará unha subvención polo mesmo importe para asegurar a construción das vivendas protexidas
A conselleira de Vivenda asegurou que a Xunta toma esta decisión ante "a pasividade do Estado"
María Martínez Allegue reuniuse coa xestora da cooperativa e con socios
A Xunta propón conceder unha axuda directa á cooperativa Galivivenda para garantir a viabilidade do proxecto para construción de vivenda protexida en Xuxán, na Coruña. A conselleira de Vivenda abordou esta medida coa xestora da cooperativa e con socios cooperativistas.
Allegue explicou que no caso de que non se prorrogue o prazo para a consecución das axudas con fondos europeos, cuestión que pon en risco a execución das vivendas, a Xunta outorgará á cooperativa unha subvención polo mesmo importe e con cargo a unha partida autonómica.
A conselleira dixo que ante a "pasividade do Estado", o Executivo galego buscou unha solución porque "a Xunta non deixará caer Galivivenda, e por iso toma esta decisión extraordinaria, avalando así a súa viabilidade".
Allegue afeou ao Goberno central que "asfixie financeiramente a cooperativa" coas dificultades e cambios para acceder ao crédito ICO pactado e a falta de información sobre a prórroga dos fondos europeos.
Para recibir a axuda da Xunta, Galivivienda deberá ofrecer aos cooperativistas que se deron de baixa a posibilidade de reincorporación. A subvención está condicionada a que non se prorroguen os prazos de finalización das obras do programa de axuda á construción de vivendas en alugueiro social en edificios enerxeticamente eficientes do PRTR, nin se aprobe polo Estado un financiamento específico para estas obras.
A subvención autonómica tamén está supeditada a que se asine antes de 31 de agosto de 2026 o préstamo co ICO, que garanta a viabilidade da promoción. A conselleira destacou que a Xunta, ante a inacción do Ministerio de Vivenda, toma esta decisión para achegar unha solución ás familias afectadas por esta situación.